Skip to main content
O Presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC), Hipólito Trindade; o director do Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes3), Carlos Rosón; a Coordinadora de Formación, Calidade e Proxectos da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia), Nuria Fernández; e o Director de Banca Empresas de Lugo (en representación de “la Caixa”), Juan Antonio Prado; asinaron un acordo que ten como obxectivo fomentar a integración laboral de persoas con enfermidade mental e promover accións de responsabilidade social empresarial no marco do programa Incorpora da Obra Social “la Caixa”.
Dende o ano 2006, a Obra Social “la Caixa” fomenta, a través do programa Incorpora, a inserción no mundo laboral de persoas en situación ou risco de exclusión, como parados de longa duración, ex reclusos, mozos en situación de vulnerabilidade, persoas con discapacidade, inmigrantes e vítimas de violencia de xénero, entre outros colectivos.
A Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo colaborará con Incorpora mediante o fomento da contratación e formación de persoas pertencentes a colectivos desfavorecidos e co impulso de accións concretas no ámbito da responsabilidade social empresarial. 
Trátase dunha organización constituída por empresarios que se dedican á construción de edificios, obras públicas e outras actividades auxiliares e afíns, xestionando e defendendo os intereses comúns dos seus membros. A APEC encárgase de fomentar e apoiar a execución de actividades que supoñan o mellor logro dos fins dos asociados, establecendo para iso relación constante con organismos oficiais e corporativos.
Por outra banda, FEAFES Galicia será a entidade social encargada de levar a cabo o programa Incorpora na APEC, facilitando a usuarios preparados para os postos de traballo requiridos, brindando información e asesoramento á empresa sobre a contratación de persoas con enfermidade mental e facendo un seguimento do traballador no seu posto de traballo.
A través do programa Incorpora, FEAFES Galicia levará a cabo un labor de prospección, información e asesoramento especializado a esta asociación sobre subvencións e axudas á contratación e á creación de emprego para persoas con especiais dificultades de inserción, neste caso con enfermidade mental.