ASPACE GALICIA, AUTISMO GALICIA, COGAMI, DOWN GALICIA, FEAFES SAÚDE MENTAL e Federación Galega de Dano Cerebral -FEGADACE- veñen de recibir, xunto con outras entidades do ámbito da discapacidade, unha axuda extraordinaria coa que facer fronte ao incremento do gasto de persoal producido pola actualización do convenio colectivo polo que se rexen estas entidades de discapacidade.
Estas organizacións anteriormente relacionadas queren agradecer publicamente a culminación, a través da devandita axuda, do proceso de traballo e negociación entre as entidades de discapacidade e a Consellería de Política Social. Grazas á mesma garántese o mantemento dos servizos e programas postos en marcha para a atención ás persoas con discapacidade de Galicia.
No mes de xullo publicábase o XV Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, polo que se rexen as relacións laborais da maioría das entidades da discapacidade no noso territorio. O novo documento regulador implica, entre outras novidades, un incremento substancial nas táboas salariais que estaban pendentes de actualización dende o ano 2016, e que se aplica con carácter retroactivo a todas as nóminas correspondentes ao ano 2019.
A publicación desta actualización do convenio chegou nun momento no que os orzamentos das asociacións estaban xa pechados e vinculados á execución de múltiples programas, imposibles de suprimir sen nefastas consecuencias na atención ás persoas con discapacidade de Galicia e as súas familias. Dada a vinculación destes programas tanto a convenios directos como a contratos de prazas coa Consellería de Política Social, desde as entidades da discapacidade antes relacionadas comezou un proceso de negociación conxunta coa Xunta de Galicia para procurar solucións que garantiran o mantemento de todos os servizos en marcha, así como de todos os postos de traballo.
A conclusión coñeceuse este mes de setembro, coa dotación de 1,5 millóns de euros para as referidas federacións dos 3,6 do total da axuda extraordinaria concedida pola Xunta de Galicia. O próximo obxectivo é a consolidación e inclusión desta achega aos diferentes convenios e contratos que a Consellería outorga a estas organizacións, a través dos cales se contribúe ao financiamento dos recursos de atención a persoas con discapacidade.