Skip to main content
O pasado venres 1 de abril, tivo lugar o acto de clausura e entrega de diplomas do Punto Formativo Incorpora de Santiago de Compostela correspondente ao 2015, no cal se realizou un curso de camareira de piso. Esta acción formativa, enmarcada dentro do Programa Incorpora de Obra Social “la Caixa” ten como finalidade mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas, tratando de ampliar así as súas posibilidades de inserción laboral.
O curso de camareira de piso, realizado entre o 21 de setembro e o 31 de decembro de 2015, constou de 300 horas, das cales 80 foron destinadas a prácticas en hoteis da cidade. Participaron un total de 20 alumnas pertencentes ás entidades Igaxes, COGAMI, FEAFES Galicia e FADEMGA. Ao finalizar o curso, 3 das alumnas lograron un contrato de traballo nalgunha das empresas colaboradoras. 
Ademais, unha vez rematada a formación, Eulen realizou unha entrevista laboral a todas as participantes para contar con elas en futuros procesos selectivos. Así mesmo, FEAFES Galicia mantén activo o traballo de prospección laboral en hoteis para tentar aumentar o número de insercións laborais destas participantes.
O acto de clausura comezou cunha breve introdución por parte da técnico de FEAFES Galicia na que explicou en que consiste o Punto Formativo Incorpora, indicando a metodoloxía empregada nos cursos e mostrando os seus resultados a nivel local e nacional. A continuación, a representante de Eulen falou da importancia de realizar accións formativas deste tipo para ser máis competitivo no mercado laboral. Para finalizar o acto, cada unha das participantes no curso recibiu un diploma acreditando a formación recibida.