Skip to main content

O 29 de xaneiro, a asociación Doa de saúde mental iniciou unha Escola de Familias co obxectivo de explicar e ensinar ao ámbito máis próximo ao enfermo aquelas estratexias necesarias para facer fronte aos problemas que causan este tipo de patoloxías, podendo deste modo facilitar a relación e a convivencia coa persoa diagnosticada, evitar situacións de illamento e minimizar os conflitos.

O coidador da persoa con enfermidade mental tende a esquecerse del mesmo pola demanda do enfermo, sendo habitual que xurda o estrés do coidador e dificultades relacionais no seu ámbito familiar e social. As sesións da Escola de Familias de Doa están dirixidas aos familiares e coidadores dos seus usuarios, coa finalidade de dotalos de ferramentas para a solución de conflitos habituais de convivencia e do mesmo modo promover o autocoidado.

Este programa conta cun total de 11 sesións que rematan o 15 de xuño. Os grupos que participan na formación son personalizados e están atendidos por un equipo multidisciplinar para poder abranguer un maior abano de preguntas, contando deste modo con psicólogos, unha traballadora social, un terapeuta ocupacional e un enfermeiro.

Nas reunións abórdanse temáticas tales como as características e tipos de enfermidades mentais, os factores de protección e risco e a prevención das recaídas. Hai dúas sesións dedicadas a traballar as habilidades de comunicación e a mellora do clima familiar, e faise especial fincapé en como manexar o estrés e a solución de problemas na convivencia. Ademais, facilítaselles aos familiares e coidadores participantes información de interese sobre os recursos sociais e sanitarios existentes.

escuela de familias de doa.jpg