Urvina Integración S.L. é unha empresa do Grupo Urvina que funciona como Centro Especial de Emprego no que traballan nove persoas con diversas discapacidades. Grazas ó Programa Practicum IV, financiado pola Deputación de Pontevedra – Servizos Sociais e Promoción do Emprego, un usuario de FEAFES Galicia tivo a oportunidade de realizar prácticas nesta empresa como operario de almacén.
“Dende o principio realizou diversas tarefas con distintas responsabilidades e pasou por todas as funcións do almacén” sinala Fernando Davila, encargado de Grupo Urvina. “Sempre amosou moito interese por aprender e mellorar día a día, e co paso do tempo logrou adquirir autonomía para facer pedidos, descargar camións, verificar materiais, manexar a carretilla, etc. Nalgunha ocasión mesmo tivo que estar só no almacén e desenvolveuse correctamente”.
O usuario, pola súa banda, non dubida en destacar os aspectos positivos desta experiencia: “Estas prácticas aportáronme destreza, motivación e permitíronme estar activo” afirma con rotundidade. Xunto a el, outros 14 usuarios do Servizo de Formación e Emprego de FEAFES Galicia puideron beneficiarse das prácticas en empresas do proxecto Practicum IV, que contan cunha duración de 200 horas.
“A relación coa empresa e cos compañeiros foi moi boa. O meu encargado é unha persoa moza coma min e aprendín moito do seu ritmo de traballo. Sempre se preocupou pola miña aprendizaxe e integración” comenta o usuario que estivo en Urvina Integración. O encargado do grupo empresarial, pola súa banda, comenta que o proceso de adaptación deste traballador á empresa foi fluído e gradual. “Inicialmente non tiña moita carga de traballo, pero pouco a pouco fóronme dando máis funcións e tarefas que realizar” engade o usuario.
Durante os dous meses que duraron as prácticas, un profesional de FEAFES Galicia estivo a analizar o progreso e adaptación do usuario, ofrecendo tamén axuda e asesoramento ós empresarios. “Durante as prácticas, mantivemos contacto coa Técnico de Emprego de FEAFES Vigo para facer un seguimento da evolución do usuario, e ó rematar as mesmas realizamos unha valoración final do desempeño do traballador” comenta Fernando Davila, encargado de Grupo Urvina. Pola súa banda, o usuario sinala que a axuda de FEAFES Galicia neste proceso foi fundamental, pois “se non fose por eles, que me propuxeron facer as prácticas, non tería esta oportunidade”.
Ó falar de perspectivas laborais de futuro, o usuario valora moi positivamente a experiencia adquirida nestas prácticas, máis tamén ten claro cómo lle gustaría verse ó mirar cara adiante: “Son unha persoa responsable e puntual, e gustaríame ter a posibilidade de acadar continuidade nun posto de traballo e nunha empresa” afirma con rotundidade, “iso aportaríame estabilidade persoal, económica e laboral” conclúe.