Skip to main content

Marcos Antonio considérase unha persoa persistente, responsable, amable coa xente e cunha gran fascinación polo mundo do deporte. Isto é o que o converteu nun candidato ideal para desempeñar o traballo de vendedor deportivo, algo que a empresa Decathlon soubo valorar. “Do seu traballo destacaría a súa atención ó cliente e como lle transmite as sensacións sobre o produto” comenta Elena González, responsable de Universo Auga, Saúde e Roller de Decathlon Lugo.

Marcos aínda leva pouco tempo na empresa, pero xa pode asegurar que este traballo aportoulle confianza en si mesmo, satisfacción persoal, retribución económica e independencia.  “Fai moi pouco tempo que forma parte do noso equipo, polo que aínda se está a adaptar. Creo que o seu avance está a ser máis lento que noutros casos pero aínda ten moita marxe de mellora e creo que co tempo chegará a un desempeño igual que o dos outros compañeiros” afirma Elena.

A responsable de sección indica que Decathlon busca unha gran autonomía nos seus empregados dende o primeiro momento, e no caso de Marcos o proceso desenvólvese dun xeito máis pausado. Sen embargo, Elena sinala que “está a ser unha experiencia moi gratificante na que todos estamos a crecer como empregados e como persoas”. Marcos, pola súa parte, recoñece que “o trato cos compañeiros e cos superiores é amable, cordial e amizoso, pois o traballo en equipo favorece este tipo de relación”.

Cando lle preguntamos a Marcos polo proceso de selección e a abordaxe da entrevista de traballo, cóntanos que tivo que responder preguntas sobre a súa rutina semanal, os deportes que practica, os seus plans de futuro ou a súa formación. “Considero que abordei a entrevista de forma relaxada e concisa, respondín ás preguntas con exactitude” afirma.

Durante todo o proceso de busca de emprego e inserción laboral, tanto Marcos como Elena recibiron apoio e asesoramento por parte de FEAFES Galicia. Marcos cóntanos que acudiu a unha formación específica sobre materia laboral impartida pola entidade, e que lle resultou especialmente útil o curso sobre Motivación e Busca de Emprego. “Dende FEAFES tamén realizaron intermediación coa empresa para facilitarme a entrevista laboral e considero que a súa axuda foi moi importante na consecución deste traballo” indica o empregado. Elena, pola súa parte, sinala que en todo momento recibiu axuda de FEAFES Galicia: “creo que o traballo da Federación, especialmente o do meu enlace coa mesma, foi exemplar”. 

Cando Marcos pensa no seu futuro laboral, a súa visión é clara: “gustaríame que fose un futuro máis predicible e estable, poder ter un contrato de traballo a xornada completa no que saiba realizar ben as funcións, porque me considero unha persoa bastante perfeccionista. Querería, a poder ser, seguir traballando en Decathlon porque o traballo que desenvolvo aquí  interésame a nivel profesional e persoal”.  

Marcos - caso éxito Lugo 05-14 II.JPG        Marcos - caso éxito Lugo 05-14.jpg

faldon empregate.jpg