Saúde Mental FEAFES Galicia elabora, da man de Enxame, S. Coop. Galega, o “Estudo diagnóstico da atención á saúde mental en Galicia: experiencias, necesidades e propostas dende o movemento asociativo.”

A atención á saúde mental en Galicia precisa fortalecerse. O sistema público ten carencias que dificultan a atención integral ás persoas que teñen un problema de saúde mental. Así, as asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental desenvolven desde hai décadas unha función complementaria, e en moitos casos substitutiva, dos servizos públicos.
Con todo, faltaba unha información rigorosa do perfil persoas atendidas, así como unha análise sistemática das súas necesidades e unha avaliación do impacto dos servizos prestados. Por iso, Saúde Mental FEAFES Galicia promoveu, no marco do programa Impulsa, o “Estudo diagnóstico da atención á saúde mental en Galicia: experiencias, necesidades e propostas dende o movemento asociativo.”
A nosa Federación agrupa doce asociacións que atenden arredor de 4.500 persoas ao ano, o que nos permite contar cunha ampla base de datos e coñecementos moi valiosos neste ámbito. Deste xeito, da man da cooperativa Enxame, realizamos este estudo no que participaron todas as entidades federadas, persoal traballador, familias e persoas usuarias.
O enfoque metodolóxico de Enxame, xunto co coñecemento e a experiencia achegadas por Saúde Mental FEAFES Galicia, permitiu deseñar un proceso de investigación rigoroso e sensible á realidade social, garantindo uns resultados representativos da situación actual da saúde mental na nosa comunidade.
O contexto e as necesidades
Galicia sitúase entre as comunidades autónomas con maior presenza de trastornos mentais: o 21,6% da poboación adulta presentou algún problema de saúde mental ao longo da súa vida. Ademais, Galicia sitúase entre as comunidades coas taxas de morte por suicidio máis elevadas do Estado con 10,9 falecementos por cada 100.000 habitantes.
Pero a atención pública á saúde mental non cobre todas as necesidades reais. O sistema público galego conta con 8,9 psiquiatras, 6,1 psicólogas/os clínicas/os e 6,7 enfermeiras/os especialistas por cada 100.000 habitantes, moi por debaixo do mínimo que establece a Proposición de Lei Xeral de Saúde Mental: 18 psiquiatras, 18 psicólogas/os clínicas/os e 23 enfermeiras/os especialistas.
Neste contexto, son as asociacións e as familias quen asume a maior parte da atención en saúde mental. Así, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas entidades asociadas xestionan a totalidade das 1.412 prazas concertadas polo SERGAS para a atención ao trastorno mental grave, distribuídas entre centros de rehabilitación psicosocial, pisos protexidos e unidades residenciais.
Tres de cada catro persoas con problemas de saúde mental están en situación de pobreza
Ter un problema grave de saúde mental en Galicia é sinónimo de vivir en situación de vulnerabilidade múltiple. Un dos motivos é a baixa taxa de ocupación do colectivo: só un 9’5% mantén un emprego. Esta taxa sitúase case 60 puntos porcentuais por debaixo da poboación xeral.
Ademais, tres de cada catro persoas usuarias atópanse en situación de pobreza. O 75,9% das persoas perciben menos de 900€ mensuais e case unha de cada tres recibe menos de 500€.
A imposibilidade de acceder a unha vida autónoma e a escaseza de recursos residenciais alternativos fai que as familias se convertan nas principais provedoras de vivenda, apoio económico e coidado. O 51,4% das persoas usuarias viven coa súas familias. Esta dependencia do apoio familiar fai que o envellecemento e falecemento de nais e pais deixe ás persoas con trastorno mental grave desamparadas a partir dos 60 anos; o 63,2% das persoas manifesta medo a non ter recursos nin apoios suficientes no futuro.
A situación agrávase se a persoa con problema de saúde mental vive no rural. A falta de transporte, a escaseza de servizos de proximidade e o estigma agravado nas comunidades pequenas, implican unha maior vulnerabilidade. En Galicia, unha de cada catro persoas usuarias residen no rural.
A perspectiva de xénero, unha tarefa pendente
Un dos achados máis consistentes do estudo é a existencia dunha fenda de xénero sistemática. As mulleres son as que máis acoden a atención psicolóxica e as que rexistran máis ingresos hospitalarios, pero as que menos apoios reciben.
Segundo o estudo, as mulleres acceden menos aos dispositivos de vivenda con apoio profesional (18,5% fronte ao 24,7% dos homes), recorren con maior frecuencia ao mercado de alugueiro (22,6% fronte ao 13,0%) e viven soas en maior proporción (22,9% fronte ao 17,1%). Reportan tamén maior experiencia de discriminación (52,1% fronte ao 40,5%) e maior preocupación polo futuro (69,2% fronte ao 58,5%).
No que refire aos coidados, son as mulleres as que maioritariamente se encargan de atender ás persoas con problemas de saúde mental nas súas familias. Sobre as nais e irmáns recae fundamentalmente a responsabilidade dos coidados, o que implica unha sobrecarga maior para elas.
A atención pública á saúde mental
Os datos do “Estudo diagnóstico da atención á saúde mental en Galicia”, reflicten que a atención pública á saúde mental é insuficiente en relación ás necesidades reais das persoas usuarias.
Faltan profesionais sanitarios especializados e as listas de espera son moi longas. Os datos oficiais sinalan que, cando se realizou este estudo, 9.390 persoas agardaban unha consulta de psicoloxía clínica e o tempo medio de espera nalgunhas áreas sanitarias supera os doce meses.
Estas carencias implican tamén que o seguimento tras crises ou ingresos se vexa debilitado. Ademais, a investigación remarca a ausencia de protocolos institucionalizados para a coordinación entre servizos, o que fai que dependa exclusivamente das relacións persoais entre profesionais.
O papel do movemento asociativo
Neste contexto, a nosa federación e as asociacións federadas convertémonos no apoio de referencia para moitas persoas con problemas de saúde mental. O 81,4% das persoas usuarias consideran que sen as asociacións non habería atención real ás súas necesidades.
O 57,3% afirma que desde que están na asociación reduciron os ingresos hospitalarios e de urxencias, e o 67% participa en actividades de rehabilitación organizadas polas asociacións que lles proporcionan rutinas diarias e vínculos sociais.
A pesar da importante labor que desempeñan na atención á saúde mental, o financiamento das asociacións non é estable. O 80% dos seus ingresos proceden das administracións públicas, pero o modelo non recoñece o custo real dos servizos e mentres noutros ámbitos de discapacidade contan co concerto social, as entidades de saúde mental operan mediante procesos competitivos periódicos.
Propostas de actuación
O “Estudo diagnóstico da atención á saúde mental en Galicia” abre múltiples interrogantes que requiren investigacións específicas para afondar na comprensión da realidade da saúde mental en Galicia e orientar as políticas públicas.
As principais liñas de actuación apuntan a reforzar a atención psicolóxica no sistema público; transformar o modelo de financiamento mediante a implantación do concerto social e a equiparación do prezo por praza; institucionalizar a coordinación asistencial con protocolos formais; desenvolver recursos de vivenda con apoio; revisar a normativa que exclúe ás persoas maiores de 60 anos dos servizos de rehabilitación; incorporar a perspectiva de xénero no deseño das intervencións e garantir a equidade territorial.
Agardamos que o coñecemento xerado neste estudo se oriente á mellora das condicións de vida das persoas con problemas de saúde mental, contribuíndo a un sistema de atención máis equitativo e eficaz.
Podes consultar o estudo completo aquí.
—
Equipo técnico: Rubén Rey París (Coord.), Noelia González Alvariño e Beatriz Armesto Fernández
Enxame, S. Coop. Galega
O estudo sobre o estado da saúde mental en Galicia promóvese desde o Programa Impulsa, unha iniciativa financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade a través da convocatoria de subvencións destinadas a programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF e do imposto de sociedades.
