Skip to main content
O mércores 7 de outubro cara as seis da tarde, unha morea de xente aproximábase aos Cines Yelmo de Vigo para presenciar o primeiro pase en Galicia do documental #Di_capacitados, unha peza que pretende sensibilizar e desmontar prexuízos asociados ás persoas que teñen unha enfermidade mental.
A través dos testemuños de 14 persoas que teñen esquizofrenia, este filme fai un percorrido pola forma de abordar a enfermidade para lograr estabilizar os seus síntomas, demostrando que estas persoas poden levar unha vida totalmente normalizada e integrarse de pleno no mundo social e laboral.
A presentación deste documental englóbase dentro dos actos de celebración do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora o 10 de outubro, organizados por FEAFES Galicia e pola asociación Doa. Neste senso, antes da proxección puidemos escoitar unhas palabras da man dos presidente de ambas entidades, Xosé Ramón Girón e Leopoldo Roba respectivamente. 
Acompañando a Girón e a Robla, interveu tamén Alejandro González López, Director da Área de Pacientes de JANSSEN, empresa patrocinadora e impulsora do proxecto #Di_capacitados, así como Isaura Abelairas, Concelleira de Benestar e Presidenta da Comisión Informativa de Benestar Social da Deputación de Pontevedra. 
E para das paso á proxección, escoitamos por último as palabras dunha das protagonistas do documental, a galega Marisol Vázquez que prestou o seu  testemuño para demostrar que, lonxe de ser discapacitada, é unha persoa con moitas capacidades capaz de convivir coa patoloxía e de superar as súas múltiples barreiras. Xunto a ela, o empresario que a contratou no seu negocio, Anxo Quintana, destacou as cualidades e bo facer da súa empregada.
O documental #Di_capacitados, que fora estreado a nivel estatal o 5 de outubro, percorrerá outras 6 cidades españolas ao longo dos vindeiros meses despois da estrea galega. Para máis información, visita a web do Proxecto #Di_capacitados.