A comitiva, coordinada por Interreg Europa, compartiu onte unha xornada de traballo con Saúde Mental FEAFES Galicia para intercambiar impresións sobre os retos e oportunidades nos sistemas de apoio para a mocidade con problemas de saúde mental no mercado laboral.

O goberno da rexión de Pomerania (Polonia) está na procura de solucións que permitan ofrecer á xuventude con problemas de saúde mental espazos accesibles con apoios multidisciplinares adaptados ás súas necesidades. Concretamente, está considerando desenvolver un modelo piloto de centros de apoio baseados nun entorno máis informal, onde se ofreza unha atención integral nun espazo único axeitado ás súas casuísticas particulares.

Neste senso, un grupo de persoas expertas está a realizar visitas de estudo para coñecer prácticas levadas a cabo noutras rexións con experiencia. Onte estiveron en Saúde Mental FEAFES Galicia para coñecer de primeira man o modelo galego de apoio á xuventude con problemas de saúde mental, fomentando a aprendizaxe mutua e explorando futuras oportunidades de colaboración. O encontro estivo coordinado pola Plataforma de Aprendizaxe de Políticas de Interreg Europa, garantindo así a continuidade na metodoloxía con respecto a anteriores visitas e favorecendo unha transferencia de coñecemento orientada a resultados.

No encontro participaron un total de 6 representantes da rexión de Pomerania, 3 representantes de Interreg Europa e 3 compoñentes do equipo internacional de persoas expertas, procedentes estas últimas de España, Eslovenia e Lituania. Foron recibidas e atendidas por persoal técnico e directivo de Saúde Mental FEAFES Galicia, e no encontro tamén participaron Dna. Zeltia Lado, Directora Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, e Dna. Almudena Díaz, Subdirectora Xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde.

Ademais da presentación dos servizos de asistencia a persoas expertas cos que conta Interreg Europa e a posta en común dos avances no proceso de aprendizaxe sobre políticas que se está a dar na rexión de Pomerania, na xornada da mañá expuxéronse unha serie de proxectos levados a cabo en Galicia en materia de saúde mental, emprego e mocidade. Persoal coordinador de Saúde Mental FEAFES Galicia explicou o modelo de atención integral da entidade e o seu Servizo de Formación e Emprego, un recurso pioneiro en España integrado nos servizos de orientación laboral do SEPE pero especializado e adaptado ás necesidades específicas das persoas con problemas de saúde mental.

Pola súa banda, representantes da asociación DOA Saúde Mental falaron do seu programa de atención integral a persoas mozas con enfermidade mental e ás súas familias, no que contan cun espazo físico específico adaptado ás inquedanzas e necesidades da xuventude. Así mesmo, persoal voluntario do programa “A Carón” falou desta iniciativa de intercambio e enriquecemento interxeracional entre mocidade e persoas maiores con problemas de saúde mental; e participantes no programa “Fórmate na Empresa” presentaron este proxecto de impulso de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas mozas con problemas de saúde mental.

As representantes da Xunta de Galicia expuxeron tamén o seu apoio e compromiso con estas e outras iniciativas que se levan a cabo na atención á mocidade con problemas de saúde mental, como os programas integrados de emprego, de orientación laboral e de emprego con apoio, que contan co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; ou o Plan Galego de Saúde Mental e o programa YAM de prevención escolar universal do suicidio, promovidos pola Consellería de Sanidade.

A xornada continuou cun xantar de convivencia entre todas as persoas participantes, tras a cal realizouse unha xornada de debate, reflexión e conclusións coa fin de facer propostas útiles e enriquecidas á rexión de Pomerania para o deseño do seu modelo de apoio multidisciplinar, personalizado e integral, adaptado á mocidade con problemas de saúde mental.

Share