Skip to main content
O pasado venres 16 de outubro, a Conselleira de Política Social, Fabiola García, e o Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron a delegación compostelá de Saúde Mental FEAFES Galicia con motivo da recente celebración do Día Mundial da Saúde Mental. Este encontro permitiulles observar de primeira man o traballo que realiza a entidade e coñecer a campaña lanzada polo Comité en Primeira Persoa “Nós vémolo claro, ti que ves?”.
A conselleira destacou a boa colaboración que manteñen a Xunta de Galicia e a federación de saúde mental, coa que “traballamos man a man para poñer en marcha novos proxectos e crear máis servizos de atención a estas persoas”. Nesta liña, sinalou a importancia do traballo que realiza a entidade, referente en Galicia no ámbito da saúde mental e que “está os 365 días do ano a pé de rúa ao carón das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias”.
Fabiola García reivindicou que nos últimos anos, a Xunta “triplicou os fondos dedicados a Saúde Mental FEAFES Galicia, en virtude dun convenio nominativo anual que mantén coa Administración”. O obxectivo deste ano, sinalou, é continuar apoiando á federación con novos servizos de saúde mental e novas instalacións en Galicia para apoiar a todas as familias.
Pola súa banda, o presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, agradeceu o apoio da Consellería de Política Social e, moi especialmente, da conselleira Fabiola García, e indicou que veñen tempos difíciles para a saúde mental tras a crise económica e social provocada pola COVID-19.
Tras a visita ás instalacións e a explicación dos servizos que se prestan na entidade, unha representante do Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia, Isabel Quintairos, presentou a campaña “Nós vémolo claro, ti que ves?”. Lanzada por este órgano que está composto por persoas usuarias, a campaña pretende chamar a atención sobre a importancia do emprego no proceso de inclusión social e normalización da vida das persoas con problemas de saúde mental. Isabel chamou á visibilización do colectivo, á defensa dos seus dereitos e á eliminación dos prexuízos que aínda existen sobre os problemas de saúde mental.