Skip to main content

Representantes das entidades do Terceiro Sector reunímonos para pedirlle á cidadanía que marque o X Solidario na súa declaración da renda baixo o lema #FaiQuePase

 

Acto en Santiago de Compostela

Hoxe, mércores 2 de abril, as entidades sociais reunímonos na Praza da Quintana de Santiago de Compostela para facer un chamamento á cidadanía. Baixo o lema #FaiQuePase, pedimos que marquen o recadro 106 de Actividades de Interese Xeral Consideradas de Interese social, coñecido como X solidario.

No acto interviñeron Inés Salteiro, directora da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG); Ramón Sestayo, presidente do CERMI Galicia; e Miguel Rodríguez, tesoureiro de EAPN Galicia-Rede Europea contra a Pobreza. Rodeados de compañeiros e compañeiras do sector, así como de persoas usuarias das distintas entidades; procedeuse á lectura do manifesto e a cubrir as escaleiras da Praza da Quintana cun X xigante.

O acto tamén se realizou noutras localidades galegas como Vigo, Lugo e Verín.

Un xesto que non custa nada e axuda moito

Acto en Vigo

Marcar o cadro de fins sociais na declaración da renda permite que un 0’7% dos nosos impostos se adique a programas e iniciativas consideradas de interese social. As ONG prestan servizos esenciais na loita contra a exclusión social e a pobreza, traballan en primeira liña nun escenario mundial que non parece moi alentador. Este financiamento económico é fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias miles de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.

O ano pasado 793.484 persoas colaboraron co X solidario, o que supón o 53,63% do total das contribuíntes. Con este xesto, recadáronse 26.520.069€ que recaeron nas organizacións galegas de acción social. Así, puideron levarse a cabo diversos proxectos destinados a persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, mocidade, infancia, etc.

 

Acto en Santiago de Compostela

No caso de Saúde Mental FEAFES Galicia, grazas aos fondos recadados a través da X Solidaria, tanto as delegacións como as asociacións puidemos realizar un total de 15 programas. Isto supuxo poder atender a 1.264 persoas con problemas de saúde mental e familiares. Ademais, financiáronse 6 proxectos de investimento.

Desde as entidades de acción social galegas queremos recordar que, marcando o X Solidario, nin se paga máis nin se reciben menos cartos. É un xesto co que se contribúe á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan. E ti a que esperas? #FaiQuePase.