Skip to main content

“Para coidar á mocidade hai que ter en conta á mocidade”, di Paula, 23 anos, alumna de Belas Artes e unha das 4 protagonistas do vídeo que lanzamos hoxe con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.

Esta celebración, que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS), centra a súa temática este ano na saúde mental na infancia e a xuventude, unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo.

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, quixemos coñecer de primeira man as inquietudes dos e das mozas respecto a esta materia. Para isto, recollemos o testemuño de 4 mozos e mozas nun vídeo que hoxe lanzamos nas nosas redes.

Yara(25), Marta(24), Pablo(22) e Paula(23) poñen voz a unha xeración que considera que, aínda que actualmente se está tratando de normalizar a saúde mental, aínda queda moito por facer.

A falta de recurso, tanto económicos como humanos, fai que a atención á saúde mental sexa insuficiente nun contexto no que os problemas desta índole da poboación infanto-xuvenil estea aumentando. A inacción supón perdas de vidas humanas e problemas en familias, comunidades e na economía.

O suicidio, por exemplo, supón un problema real entre a poboación nova. “Algo vai mal se o suicidio é unha das principais causas de morte e non estamos falando disto”, reflexiona con preocupación Yara. Recoñecen tamén que os recursos e as axudas seguen a ser aínda insuficientes. Marta advirte que “as listas de espera para ir a un psicólogo público son interminables e as citas moi espaciadas, o que fan insostibles levar un tratamento adecuado”.

A situación é grave. Segundo a OMS, unha de cada sete persoas mozas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental en todo o mundo. A pandemia agravou problemas existentes aos que non lles prestou a atención necesaria, á vez foi causante de novos problemas, provocando un aumento do 47% nos trastornos de saúde mental nos menores de idade.

As protagonistas do noso vídeo recoñecen algún dos factores que afectan negativamente á saúde mental da mocidade: as constantes exposicións a estímulos, as redes sociais ou a incertidume sobre o futuro, son as principais.

Tamén sinalan que non sempre é fácil falar. O estigma segue tendo unha gran presencia na sociedade e, intencionado ou non, dificulta que os nenos, nenas e adolescentes busquen tratamento ou apoio. Pablo, Marta, Paula e Yara téñeno claro: “ante todo, non debemos xulgar”.

Por todo isto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para lembrar que a protección da saúde mental da infancia e da mocidade é deber de toda a sociedade. É importante involucrar ás familias e ás institucións educativas na prevención, desenvolvendo técnicas de detección temperá, intervención precoz e un clima positivo e saudable no contexto educativo, familiar e social.

Ademais, é necesario que a saúde mental teña un espazo relevante na axenda política co fin de reverter a advertencia da OMS, que indica que os problemas de saúde mental serán a primeira causa de discapacidade no 2030. 

Mira o vídeo