O Servizo de Formación e Emprego para persoas con problemas de saúde mental financiado polo Concello de Lugo beneficiou a 173 persoas ao longo do 2025.
O traballo é un piar fundamental para o desenvolvemento de calquera persoa e para a consecución dunha vida plena e independente. Sen embargo, as persoas con problemas de saúde mental atopan grandes dificultades á hora de acceder a un emprego.
Para eliminar esas barreiras, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun Servizo de Formación e Emprego para persoas con problemas de saúde mental. Este servizo, que na cidade de Lugo ofrécese en colaboración co concello, busca mitigar os obstáculos cos que se atopan estas persoas á hora de acceder ao mercado laboral.
Ademais de axudar no acceso ao emprego, dende Saúde Mental FEAFES Galicia tratamos de que a inserción sexa duradeira e positiva, tanto para a persoa traballadora como para a empresa. Para iso, facemos seguimento e apoio á persoa usuaria durante todo o proceso.
Tamén ofrecemos talleres formativos que axudan a mellorar as capacidades e habilidades das persoas usuarias, aumentando así as súas competencias e, consecuentemente, as posibilidades de insertarse no mercado laboral.
Máis de 50 insercións laborais
Grazas ao Servizo de Formación e Emprego financiado polo Concello de Lugo, no 2025 puidemos realizar prospección e intermediación laboral con 45 empresas lucenses e asinar con elas 7 convenios de colaboración.
Traballamos en total con 173 persoas con problemas de saúde mental demandantes de emprego, das cales 57 foron novas insercións laborais, cun total de 132 contratos firmados ao longo do ano. Isto supera amplamente o obxectivo marcado de 35 insercións laborais. Con todas elas, fíxose seguimento e apoio tanto para o acceso ao posto de traballo como para o seu mantemento.
Igualmente, melloramos as competencias técnicas de 65 persoas mediante o acceso a accións formativas regradas ou a prácticas non laborais, podendo así adquirir capacitación para o desempeño dunha ocupación, actualizar ou reconverter o seu perfil profesional, etc. Tamén dotamos a 40 persoas usuarias das habilidades prelaborais necesarias para acceder e manter un posto de traballo.
Coa colaboración de:


