Skip to main content

Durante estes días, catro asociacións de FEAFES Galicia asinarán coa Administración os contratos para a xestión de servizos públicos para a ocupación de prazas nos Centros Ocupacionais de atención diúrna. Trátase da primeira vez que as entidades de saúde mental galegas acceden á carteira da Consellería de Traballo e Benestar dentro do sistema de dependencia, reivindicación histórica de FEAFES Galicia que paulatinamente ve recoñecidos os dereitos do colectivo e a necesidade de contar cuns servizos específicos e axeitados para as persoas con enfermidade mental.

As asociacións que se beneficiarán deste financiamento serán Lenda (Redondela) que dispón de 9 prazas contratadas no seu Centro Ocupacional, Fonte da Virxe (Santiago de Compostela) que conta con 8 prazas contratadas, Afaes Portanova (Narón) que dispón de 8 prazas contratadas e A Creba (Noia) que conta con 8 prazas.

O importe total que recibirán estas asociacións por parte de Benestar ascende a 226.000 euros anuais, cantidade que irá destinada ó financiamento destas 33 prazas distribuídas por distintos lugares de Galicia. 

Unha reivindicación histórica

Baixo o prexuízo de que a enfermidade mental é un problema médico e tras a consecución dos dereitos sanitarios coa Lei Xeral de Sanidade de 1986, ó colectivo de persoas con enfermidade mental negáronselle os seus dereitos sociais durante moitos anos. En consecuencia, as persoas con enfermidade mental quedaron fora das políticas sociais ata agora, que por primeira vez o colectivo apareceu na carteira de servizos da Consellería de Traballo e Benestar.

Os máis de 20 anos de retraso que isto xerou con respecto ós demais colectivos de discapacidade, impediu implementar políticas integrais de atención a estas persoas e provocou unha enorme discriminación no apoio económico á saúde mental con respecto a outras discapacidades. FEAFES Galicia insiste na necesidade de superar o modelo biomédico de atención á saúde mental para pasar a unha abordaxe integral da enfermidade.

Os Centros Ocupacionais

Os Centros Ocupacionais son dispositivos de atención diúrna a media estancia para persoas dependentes con enfermidade mental que, residindo nos seus propios fogares, precisen dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, psicosocial e ocupacional, orientadas principalmente á preparación e integración laboral e á promoción da autonomía persoal dos usuarios. 

Nestes centros lévanse a cabo unha serie de actividades ou tarefas que son realizadas polos usuarios de acordo ás súas condicións individuais e que están encamiñadas á realización de produtos ou servizos, sempre baixo a orientación de profesionais.

financiamiento centros ocupacionales (2).JPG        financiamiento centros ocupacionales (1).JPG