FEAFES Galicia, a Federación galega de Saúde Mental, é unha entidade sen ánimo de lucro que defende os dereitos das persoas con problemas de saúde mental tratando de mellorar a súa calidade de vida e a dos seus familiares. Entre os seus servizos, FEAFES Galicia ofrece orientación laboral especializada onde se atende a demandantes de emprego cunha discapacidade por enfermidade mental co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade, pois trátase dun colectivo cunha altísima taxa de desemprego (só o 5% das persoas con problemas de saúde mental acceden a un posto de traballo).
Como Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia dende o ano 2002, FEAFES Galicia desprázase a determinadas localidades galegas para favorecer o acceso ao emprego de persoas que habitan en zonas xeograficamente máis afastadas. Neste senso, o vindeiro xoves 23 de febreiro, os técnicos de orientación de FEAFES Coruña trasladaranse ata o Concello de Cee para prestar este servizo nesta localidade.
Alí atenderán, entre outros demandantes de emprego, aos usuarios da asociación APEM en Cee. APEM conta nesta localidade cun Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral do que se benefician 20 persoas con problemas de saúde mental, unha Unidade Residencial con 25 usuarios e un Piso Protexido para 5 persoas.
A través do Servizo de Emprego, as orientadoras laborais de FEAFES Galicia realizan accións de información, orientación e asesoramento para a busca de emprego, diagnóstico e determinación do perfil profesional do demandante, deseño e xestión de Itinerarios Personalizados de Inserción (IPI), motivación, intermediación laboral con empresas e, en resumo, todas aquelas actuacións que favorezan a inserción laboral das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Estas accións son posibles grazas ao cofinanciamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Fondo Social Europeo.
Un apoio cara a inserción laboral
Actualmente, FEAFES Galicia conta con 5 delegacións (A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo) e cun total de 10 orientadores laborais e 2 prospectores laborais, que tratan de achegar o Servizo de Emprego a todo o territorio galego para dar atención ao noso colectivo.
Ao longo do 2015, FEAFES Galicia atendeu a un total de 2.631 persoas a través do Observatorio de Emprego para Persoas con Enfermidade Mental, das cales 1.059 pertencen á provincia da Coruña. En toda Galicia lográronse 319 insercións laborais, ás cales accederon un total de 183 persoas (na Coruña houbo 68 persoas que accederon a 154 contratos de traballo).