Skip to main content

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade mental de Galicia, FEAFES, conta a partir de agora cun novo logotipo adaptado ó que ven empregando a Confederación FEAFES dende o 10 de Outubro de 2013, Día Mundial da Saúde Mental.

O novo logotipo de FEAFES está deseñado polo coruñés Julio Marta López e foi elixido gañador no I Concurso de Logotipos sobre Enfermidade Mental que convocara a Confederación FEAFES no 2011. Dende o cambio de logo a nivel confederativo, todas as Federacións foron adaptando a súa imaxe, e agora chegou a quenda de FEAFES Galicia.

Como novidade, a partir de agora o logo da Federación galega a identificará como “Saúde Mental Galicia”, mantendo aínda así o nome FEAFES e a definición das súas siglas como seña de pertenza ao movemento confederativo, pero diferenciándose tamén como entidade galega propia. A utilización do novo logotipo entra en vigor esta semana, e FEAFES Galicia prega a todas as entidades que necesiten utilizalo que se poñan en contacto coa Federación para que poida facilitarlles o arquivo novo nos seus diferentes formatos.

O novo logotipo de FEAFES transmite unha visión máis positiva da saúde mental. A súa intención é adaptarse á idea “Polo benestar global e a saúde mental nas persoas, nas sociedades, en todos os lugares, culturas, tempos e idades”, proposta no concurso no que resultou gañadora a imaxe. Por iso, o logotipo expresa varios conceptos como o de globalidade, diversidade, unión, crecemento e benestar. 

Segundo indica o seu deseñador, Julio Marta López, no novo logotipo partimos dunha figura circular que representa o planeta, o global. Sobre ela nacen unha serie de liñas a modo de rede neuronal que representan a unión, cun crecemento ascendente. Estas liñas poden ser entendidas tamén como as ramas dunha árbore, nas que se sitúan unha serie de trazos que as converten en sorrisos, permitindo ver caras alegres e diversas. 

Tras o lanzamento do novo logo, FEAFES Galicia traballará no deseño da nova cartelería e papelería, así como na actualización doutros soportes como a páxina web, redes sociais, rótulos, etc. Igualmente, nos vindeiros meses a entidade procederá a redactar un novo Manual de Estilo para unificar e renovar a imaxe de FEAFES Galicia de cara ó exterior. 

novo logo.jpg