Skip to main content

Como resposta ás noticias difundidas recentemente a través dos medios de comunicación a propósito do proceso de externalización dos psiquiátricos galegos, a Federación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, quere dar a coñecer a súa postura. FEAFES Galicia oponse radicalmente ó peche ou diminución de recursos, tanto materiais como humanos, dedicados á saúde mental en Galicia; xa sexan unidades de saúde mental de media e longa estancia, centros de rehabilitación ou recursos de integración social. Do mesmo xeito, a Federación oponse ós cerramentos estacionais destes recursos.

Para FEAFES Galicia, o peche dos psiquiátricos galegos clásicos ou manicomios é unha reivindicación histórica que comezou coa reforma psiquiátrica contemplada na Lei de Sanidade de 1986. Estes manicomios (naquel entón Conxo, Castro, Toén e O Rebullón) representaban unha realidade completamente avergoñante para o colectivo de persoas con enfermidade mental, xa que o seu enfoque de atención e coidado era totalmente anticuado e indigno. Hoxe en día, 27 anos despois, esta realidade aínda segue a a existir nos psiquiátricos que se atopan en funcionamento actualmente.

A supervivencia dos manicomios en Galicia enfróntanos directamente a un dos peores episodios do noso pasado no que respecta á dignidade e cumprimento dos dereitos máis básicos das persoas con enfermidade mental. Supón, así mesmo, un atentado directo á convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que recolle a necesidade de protexer a integridade física e mental deste colectivo garantindo un trato digno e axeitado ás súas necesidades.

A oposición de FEAFES Galicia á existencia e funcionamento dos psiquiátricos clásicos non xustifica baixo ningún concepto a inexistencia de unidades de media e longa estancia que garantan unha boa atención ás persoas con enfermidade mental grave, recursos que consideramos totalmente imprescindibles para unha axeitada abordaxe dos casos con prognósticos e evolucións máis complexas.

Así mesmo, FEAFES Galicia opina que o paulatino baleirado dos recursos psiquiátricos e a derivación dos seus pacientes debe facerse do xeito máis profesional e racional posible, tendo en conta a situación particular de cada persoa, os recursos socio-familiares dispoñibles, e a provisión dun recurso alternativo o máis axeitado, normalizador e individualizado posible.

Finalmente, indicar que os recursos xestionados pola rede de FEAFES Galicia son recursos de atención comunitaria sen ningún tipo de interese lucrativo e complementarios ós de prestación pública. FEAFES Galicia conta con 29 centros de rehabilitación psicosocial, 184 prazas en vivendas tuteladas e 75 prazas en unidades residenciais, recursos que foron promovidos e son xestionados polas familias das persoas afectadas como resposta a unha problemática social que ninguén quixo nin foi quen de solucionar. O enfoque destes recursos é a máxima normalización do colectivo, a súa integración no entorno e a axuda mutua das miles de familias afectadas en Galicia.

externalizacion psiquiatricos.jpg