Skip to main content

Dende o ano 2011, FEAFES Galicia realiza un traballo de intervención con persoas con enfermidade mental grave e cónica recluídas nos centros penitenciarios galegos. O proxecto enmárcase dentro do Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental en Centros Penitenciarios (PAIEM) e lévase a cabo a través dun convenio de colaboración entre FEAFES Galicia, a Fundación Barrié e a Secretaría Xeral de Institucións do Ministerio de Interior.

O programa PAIEM da resposta á situación dos internos que padecen unha enfermidade mental nos centros penitenciarios galegos e as súas familias, atendendo a natureza e as necesidades específicas de cada centro e facilitando a inserción social destes individuos unha vez saian do mesmo.

As persoas que se benefician deste programa son reclusos con enfermidade mental grave e crónica dos centros penitenciarios de Galicia, os seus familiares, os internos de apoio e os funcionarios. Estes últimos vense beneficiados dunha mellora xeral da convivencia e o ambiente de traballo, ademais de aumentar o seu coñecemento sobre as enfermidades mentais e adquirir ferramentas que lles permitan manexar situacións difíciles.

Actualmente, o programa PAIEM lévase a cabo nos cinco centros penitenciarios da nosa Comunidade Autónoma: Teixeiro, A Lama, Monterroso, Bonxe e Pereiro de Aguiar. FEAFES Galicia é a encargada de coordinar o proxecto, e son os técnicos de distintas asociacións membro (Lenda, Alume, Morea e Apem) quen realizan o traballo de intervención cos internos en colaboración co persoal do centro. 

Nos tres anos que o programa leva en funcionamento, acadáronse resultados e valoracións moi positivas. Logrouse mellorar a calidade de vida dos participantes, unha maior autonomía nas súas actividades da vida diaria, mellor adherencia ó tratamento e máis adquisición de conciencia da enfermidade. Ademais, os internos que participan no programa logran recuperar habilidades cognitivas, sociais e de motivación, do mesmo xeito que se aprecia unha notable melloran a súa resinserción sociolaboral, familiar e comunitaria.

A día de hoxe, estanse a beneficiar do programa PAIEM un total de 211 internos dos centros penitenciarios galegos, e xa se levan realizadas intervencións cun total de 52 familias. A través deste proxecto, FEAFES Galicia pretende capacitar a estas persoas para asumir a súa reinserción social e que poidan ter un itinerario vital, evitando así as recaídas e minimizando o risco de exclusión social.

balance paiem.jpg