O pasado sábado 13 de decembro, os xogadores de fútbol sala de FEAFES Galicia disfrutaron da súa primeira experiencia como selección no I Torneo Interautonómico Norte Fútsal Saúde Mental, TINFUSAM. E non só iso, senón que lograron o primeiro posto no campionato demostrando que o deporte de calidade tamén é posible para as persoas con enfermidade mental.
O Torneo TINFUSAM celebrouse no Palacio dos Deportes de Gijón e estivo organizado polo Club Deportivo Mens Sana. Dirixido a equipos compostos por deportistas con enfermidade mental das comunidades autónomas do norte de España, no campionato participaron as seleccións de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia.
Os partidos de semifinais enfrontaron a Galicia e Euskadi (con vitoria do equipo galego cun resultado de 7-0) e a Cantabria e Asturias (resultando vencedor o equipo cántabro por un gol a cero). Consecuentemente, Galicia enfrontouse a Cantabria na final disputando un partido emocionante e intenso onde o marcador quedou 4-2 a favor de FEAFES Galicia.
Ademais, o máximo goleador do torneo tamén resultou ser un galego, levándose este título Brais Lourido, usuario da asociación Lenda de Redondela. Unida á emoción dos premios, os xogadores de FEAFES Galicia leváronse tamén a experiencia de ter participado nun encontro como este e a satisfacción de lograr unha selección unida e competente.
Tras o torneo, os xogadores das catro seleccións disfrutaron dunha comida de confraternización onde puideron compartir experiencias e relacionarse máis alá do campo. Finalmente, a selección galega volveu a casa con ganas de repetir a experiencia e de seguir disfrutando do deporte no seu día a día.