A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES Galicia, imparte durante as vindeiras semanas varios obradoiros dirixidos a mulleres con enfermidade mental. Cofinanciados polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, estes cursos intégranse dentro do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental que desenvolve FEAFES Galicia.
Segundo o censo de persoas con discapacidade, na nosa comunidade hai máis de 41.500 persoas con certificado de minusvalía por enfermidades mentais, o que supón un 16% do total situándose como a segunda causa máis frecuente de discapacidade en Galicia despois da física.
As mulleres con trastorno mental grave sofren unha tripla discriminación: o estigma asociado ó padecemento dunha enfermidade mental, o rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental e a discriminación provocada nesta sociedade polo feito de ser muller. É por iso que FEAFES Galicia busca apoiar os procesos de integración social destas mulleres, mellorar o seu benestar físico e aumentar o seu propio estima a través da participación activa na comunidade.
Os obradoiros que se imparten estas semanas no marco do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental pretenden mellorar as capacidades e habilidades deste colectivo, dotando a estas mulleres das ferramentas necesarias para facer fronte ó seu día a día dun xeito eficaz e contribuíndo así á mellora da súa calidade de vida.
Os obradoiros serán impartidos por diversos profesionais de FEAFES Galicia e realizarase en cinco cidades galegas. Deste xeito, o mércores 6 de maio as accións formativas terán lugar na Coruña, o luns 11 en Vigo, o mércores 20 en Lugo, o venres 22 en Santiago e o xoves 28 en Ourense. Deles beneficiaranse máis de 60 mulleres con enfermidade mental e abordaranse temas como o autoestima e o autocoidado, a psicoeducación, a prevención dos malos tratos ou a afectividade e a sexualidade.