Un total de 44 membros da Federación galega de Saúde Mental, que incluían tanto técnicos como directivos de FEAFES Galicia e as súas asociacións membro, participaron o pasado sábado 23 de maio na primeira Xornada de Intercambio Asociativo FEAFES Galicia. O encontro tivo lugar ó longo de toda a mañá na Escola Galega de Administración Pública e rematou cun aperitivo ó medio día.
O obxectivo deste encontro foi reforzar a identidade do colectivo e potenciar a cohesión entre as distintas partes que conforman FEAFES Galicia, facendo unha posta en común do sentir xeral da Federación e tratando de debullar os roteiros polos que deberá transcorrer o futuro da entidade.
A sesión estivo impartida conxuntamente por profesionais de FEAFES Galicia e da Consultaría Algalia, especializada no desenvolvemento e mellora das entidades do Terceiro Sector. Tratouse dunha xornada dinámica e participativa na que todos os asistentes puideron aportar a súa opinión e visión sobre os temas a tratar.
No encontro fíxose unha posta en valor do camiño realizado por FEAFES Galicia e as súas catorce asociacións membro ó longo da súa historia, destacando os logros e avances acometidos grazas ó esforzo e traballo de todas as persoas que conforman a Federación. Así mesmo, sensibilizouse sobre os retos que plantexa a contorna ó colectivo de persoas con enfermidade mental e traballouse a idea de cohesión e identidade interna.
Todas estas reflexións serviron para comezar a acordar elementos a desenvolver no futuro da Federación, un traballo que non fixo máis que empezar e no que toda a Federación deberá estar comprometida. Deste xeito, pasiño a pasiño e collidos da man, seguiremos construíndo o noso camiño en defensa da saúde mental en Galicia.