Skip to main content
Novas

Feafes Galicia celebra as III Xornadas de Emprego e Saúde Mental en Vigo

By 30 de Novembro de 2011Novembro 13th, 2022No Comments

Feafes Galicia inaugura mañá as súas III Xornadas de Emprego e Saúde Mental ‘Asumindo Retos’, no Museo Verbum de Vigo, nas que participarán máis de 20 expertos de toda España e Europa para tratar a inserción laboral de persoas con enfermidade mental. O encontro celébrase nestas datas con motivo da conmemoración do Día Mundial da Discapacidade, o 3 de decembro.

As xornadas serán inauguradas ás 10 horas por un representante do concello de Vigo, quen estará acompañado polo director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, Andrés Hermida. Xunto a eles participarán o presidente de Feafes Galicia, Xosé Ramón Girón, e o xerente da Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental, José Luis Gutiérrez.

A continuación intervirá o subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros de la Peña, que fará unha exposición de datos sobre “Emprego e discapacidade por enfermidade mental”. De seguido, Roser Viñas, da área de integración social da Fundación La Caixa presentará o programa Incorpora. Mentres, a responsable de formación para o emprego do Servizo de Saúde Mental de Londres, Becky Priest realizará a súa ponencia ‘Saúde mental e emprego: poniendo a evidencia en práctica”.

Xa pola tarde, a partir das 16 horas, celebrarase unha mesa redonda na que explicarán a súa visión unha persoa con discapacidade por enfermidade mental, un familiar e un empresario. A continuación, a coordinadora de atención a empresas de FSC Inserta, Belén Almagro, presentará a iniciativa ‘Programa por talento’.

Mañá venres, a partir das 9.30 horas, está prevista a celebración de dúas mesas talleres. A primeira delas desenvolverase baixo o título ‘Atención socio-sanitaria: pilar básico para a inserción laboral’ e nela intervirán o director de Programas, Evaluación e Investigación da Fundación andaluza para a integración social das persoas con enfermidade mental (Faisem), Marcelino López Álvarez; e o xefe da área de Saúde Mental de Avilés, Juan José Martínez Jambrina. A moderadora será a subdirectora xeral de Xestión Sociosanitaria de Saúde Mental do Sergas, Fernanda López Crecente. 

A segunda mesa leva por título ‘Cara a integración laboral’ e nela intervirán a xerente de Feafes Emprego, María Isabel Rodríguez Montes; a coordinadora de Incorpora Asturias, Margarita Tamargo; a directora da Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (Apem), Esther Monterroso; e o xerente da tenda outlet ‘Moltacte’, Miquel Isanta. A mesa estará moderada polo director da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental Doa, Juan Manuel Adá Vázquez.

O encontro está dirixido a persoas con enfermidade mental e as súas familias, a profesionais e estudiantes relacionados coa saúde mental e a integración, ao mundo empresarial e á sociedade en xeral.