O vindeiro martes 2 de decembro, FEAFES Galicia celebra as VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego baixo o lema “Recuperación, emprego e inclusión”. Neste encontro, expertos de toda Galicia e doutros lugares de España intercambiarán experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental.
Estas xornadas poñen o acento sobre a importancia do emprego no desenvolvemento persoal de calquera individuo e, á vez, as dificultades ou retos engadidos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental á hora de conseguir un traballo. As ponencias non só tratarán de expor a actualidade e as dificultades que existen neste eido senón que presentarán tamén posibles camiños ou obxectivos de futuro; consiste en aportar diversas visións a través das intervencións de variados axentes e persoas vinculadas a esta realidade.
As VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego celebraranse no Museo Verbum de Vigo (Avd. de Samil nº 17) e contarán con diversas ponencias e mesas redondas que terán lugar dende as 09:00 da mañá ata as 18:30 da tarde. O encontro está dirixido a persoas con enfermidade mental e ás súas familias, a profesionais e estudantes relacionados coa saúde mental, ó mundo empresarial e á sociedade en xeral. A inscrición é gratuíta e poderá facerse a través do email xornadasaudeemprego@gmail.com ou do teléfono 986 485 779.
Entre os temas que se abordarán, trataranse cuestións como os recursos sanitarios para a autonomía persoal e o emprego; modelos de emprego con apoio dende as perspectivas e cauces de futuro; novos avances nos recursos da inserción laboral das persoas con enfermidade mental a través do Programa Incorpora Saúde Mental; e o papel do emprego e a familia na recuperación das persoas con enfermidade mental a través dos Centros de Rehabilitación Psicosocial. Contaremos ademais con testemuñas en primeira persoa de traballadores con enfermidade mental e de empresarios, ademais de intervencións de múltiples profesionais de diversos ámbitos da saúde mental.
Un dos obxectivos fundamentais das Xornadas de Saúde Mental e Emprego é difundir boas prácticas e sensibilizar acerca da enfermidade mental, así como xerar un foro de difusión e debate social sobre as dificultades da saúde mental e a súa vinculación co emprego. FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración laboral das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade.