Skip to main content

FEAFES Galicia celebra este sábado 4 de xullo a final do IX campionato de balompé “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán dez equipos de oito asociacións de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma. FEAFES Galicia estima que neste evento participarán arredor de 300 persoas entre participantes e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta cunha gran participación e interese por parte das asociacións membro. 

O torneo terá lugar no Pavillón de Santa Isabel, en Santiago de Compostela, a partir das 10:00 da mañá. Disputaranse diversos partidos ó longo de toda a xornada ata que estea decidido quen xogará a final, que terá lugar ás 16:30 da tarde. Finalmente, ás 17:30, realizarase unha entrega de premios ó equipo ganador da man do presidente da entidade, Xosé Ramón Girón.

Dende marzo ata xuño, os dez equipos que participan na liga de FEAFES Galicia enfrontáronse nunha serie de partidos que conclúen nesta final, disputada con encontros de 30 minutos de duración seguindo o modelo dos play-off. Os equipos participantes pertencen a oito entidades federadas en FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Apem (A Coruña, Cambre e Cee), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES Vigo, Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela), Morea (O Barco) e Portanova (Narón).

O evento, organizado polo departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.

As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes da federación axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores. 

campionato balompie 2015.jpg