A delegación viguesa da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, realiza o vindeiro luns 23 de febreiro a clausura da IV edición do Proxecto Practicum de formación laboral para persoas deste colectivo.
Ó acto, que terá lugar ás 17:00 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Oporto nº3), acudirán a Deputada do Servizo de Acción Social, Marta Iglesias e o director de FEAFES Galicia, Antonio Hernández. Estarán acompañados por empresarios, usuarios e representantes das asociacións coas que conta FEAFES Galicia na provincia de Pontevedra: Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), Avelaíña (A Guarda e Baiona), Lar (Vilagarcía) e Lenda (Redondela).
Durante o acto, realizarase unha mesa redonda na que se falará das accións desenvolvidas e os resultados acadados a través do Proxecto Practicum, do mesmo xeito que se presentarán experiencias persoais de participación neste programa.
Neste senso, contaremos coas testemuñas de usuarios que realizaron prácticas en empresas ou que lograron insertarse no mundo laboral a través do Proxecto Practicum, falará tamén unha empresaria colaboradora no programa, e finalmente intervirá a técnico do Servizo de Intermediación Laboral de FEAFES en Vigo para presentar os resultados obtidos.
Proxecto Practicum
O Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con enfermidade mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto.
As empresas, pola súa banda, teñen a posibilidade de ver cómo traballan estas persoas e desfacer os prexuízos que poida haber á hora de valorar a contratación dunha persoa con enfermidade mental. Os resultados demostran que cando un empresario coñece de primeira man o traballo dunha persoa deste colectivo, a súa percepción sobre as enfermidades mentais cambia a mellor.
Na IV edición do Proxecto Practicum beneficiáronse un total de 15 usuarios, dos cales 4 lograron insertarse no mundo laboral. Ós bos resultados de insercións laborais únese un incremento do número de empresas participantes no programa, tendo acadado nesta edición un total de 9 convenios con empresas.