Skip to main content
Novas

Feafes Galicia denuncia a falta de atención ás persoas con enfermidade mental sen teito

By 10 de Febreiro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) denuncia a falta de recursos na atención ás persoas con enfermidade mental sen teito. Ante o recente falecemento de Julius Lederer, un mozo de orixe alemán que dende hai anos vivía nas rúas de diferentes vilas galegas, Feafes Galicia quere manifestar que as persoas sen fogar con algún trastorno mental presenta un dos casos máis radicais de vulneración de dereitos sociais.

En España, calcúlase que hai máis de 30.000 persoas sen fogar. Os estudos aseguran que un terzo desta poboación ten algún tipo de trastorno mental, como esquizofrenia, trastorno bipolar ou trastorno da personalidade. Na actualidade, apenas existen recursos de atención en saúde mental para este colectivo e prácticamente ningún deles recibe tratamento farmacolóxico.

Tal é como aconteceu Julius Lederer, é habitual que este tipo de persoas non soliciten axuda e, cando os servizos sociais e sanitarios acuden a atendelo manifestan atoparse ben e rexeitan calquer tipo de apoio.

Mentres noutro tipo de doenzas as persoas son atendidas e ingresadas en centro hospitalarios, en casos de enfermidade mental é habitual a falta de atención e recursos, polo que os afectados continúan vivindo nas rúas en condicións deplorables.

Así pois, dende Feafes Galicia reclámase un maior esforzo na atención a este colectivo. Ademáis de cubrir as necesidades básicas, como aloxamento, comida ou roupa, os recursos para persoas sen fogar con enfermidade mental deben incluír programas psicolóxicos de rehabilitación.

As distintas administracións públicas deben asegurar os dereitos sociais e sanitarios destas persoas, evitando a súa exclusión extrema, e non escudarse en que se trata dun problema imposible de resolver ou en que a persoa afectada rexeite a axuda. Cos apoios axeitados e un tratamento integral estas persoas poden recuperar as súas habilidades sociais, e reintegrarse plenamente na sociedade.