Skip to main content

Dende Xaneiro do 2011, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, desenvolve un programa de atención a persoas que se atopan privadas de liberdade baixo o Programa Marco de Atención Integral para persoas con Enfermidade Mental, PAIEM. Este traballo está financiado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza e se enmarca dentro dun convenio de actuación de catro anos asinado con esta entidade e con Instituciones Penitenciarias. O proxecto naceu para dar resposta ás necesidades detectadas na poboación penitenciaria e mellorar a situación dos internos con enfermidade mental crónica e grave.

Grazas ó programa PAEIM, FEAFES Galicia logrou implantar un servizo de atención a persoas con enfermidade mental na totalidade dos centros penitenciarios galegos, actuando dun xeito eficaz, unificado e profesional. Antes do 2011, os cárceres tiñan servizos de psiquiatría e psicoloxía, pero non existía un traballo específico para tratar ó colectivo de persoas con enfermidade mental, polo que o programa PAIEM converteuse nun proxecto pioneiro na nosa comunidade.

Os encargados de realizar os traballos de intervención neste ámbito son profesionais de distintas asociacións federadas en FEAFES Galicia. Así, a asociación APEM que desenvolve o seu traballo na zona de A Coruña é a encargada de intervir no C.P. Teixeiro; a asociación Lenda de Redondela traballa no C.P. A Lama; a asociación Alume de Lugo actúa no C.P. Monterroso e no C.P. Bonxe; e a asociación Morea da zona xeográfica de Ourense intervén no C.P. Pereiro de Aguiar.

Os casos de enfermidades mentais entre os reclusos dos centros penitenciarios españois e galegos son un 15% máis numerosos que entre a poboación xeral. Ata un 40% dos arredor de 4.400 presos que hai nos centros penitenciarios galegos padecen trastornos psiquiátricos, dos cales o 20% son graves e un 4% críticos. 

No ano de intervención avaliado, que comprende dende Outubro do 2012 ata Setembro de 2013, FEAFES Galicia atendeu a un total de 171 internos con enfermidade mental nos centros penitenciarios galegos, un 19% máis que no período anterior. De entre eles, 157 foron homes e 14 mulleres. O maior número de persoas atendidas atópase en Teixeiro, con 59 beneficiarios do programa, seguidos de A Lama con 55.

A maioría destes internos teñen entre 20 e 40 anos, sendo fundamentalmente de nacionalidade española pero habendo un número importante de persoas estranxeiras. A maioría deles non finalizou a formación básica e a súa cualificación laboral é escasa. É habitual que posúan deficiencias importantes nas capacidades funcionais da vida diaria, pois son moi dependentes, vulnerables ó estres, teñen déficits de socialización, non adoitan ter traballo, vivenda nin unha familia normalizada, e no curso da súa enfermidade alternan períodos sen síntomas con períodos de recaídas.

Por todo elo, o traballo que realiza FEAFES Galicia é fundamental para que os reclusos con enfermidade mental coñezan e aprendan a manexar a súa patoloxía, evitando recaídas e mellorando a súa calidade de vida. A través do programa PAIEM, favorécese a participación destas persoas nos distintos recursos da Penitenciaría, implicando ademais ás familias no proceso rehabilitador e prestándolles apoio psicolóxico. 

O obxectivo final é que tras o proceso de rehabilitación, estas persoas estean capacitadas para asumir un proceso de reinserción social e teñan un itinerario vital, polo que FEAFES Galicia realiza labores de guía no retorno á liberdade buscando prazas en residencias ou pisos de acollida e tratando de minimizar todo o posible a exclusión social.

Ademais dos propios internos con enfermidade mental, tamén son beneficiarios deste proxecto as súas familias, os internos de apoio e os funcionarios dos centros penitenciarios, que se ven beneficiados dunha mellora xeral da convivencia e do ambiente de traballo.

Entre Outubro do 2012 e Setembro do 2013, FEAFES Galicia realizou un total de 153 plans de intervención individuais nos cinco centros penitenciarios galegos, nos cales interviron un total de 23 profesionais. Ademais, realizáronse outras accións como obradoiros de psicoeducación (con 128 participantes en toda Galicia), obradoiros de rehabilitación cognitiva (con 121 participantes), de habilidades sociais (107), de saúde (107) ou de psicoterapia (96). 

paiem.jpg