Cruz Vermella e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES) de Galicia están a colaborar para atender ás persoas sen fogar con enfermidade mental. Onte tivo lugar unha sesión de traballo conxunta entre os equipos técnicos de ambas as dúas entidades cuxos obxectivos específicos son abordar a coordinación para intervir con este colectivo e mellorar o coñecemento entre os propios equipos.
O programa da xornada, que se celebrou en Santiago e á que asistiron máis de 20 persoas, estruturouse en varias partes. Os encargados de facer a presentación foron Carmen Isasi, coordinadora de Inclusión social de Cruz Vermella en Galicia, e Enrique Castro, coordinador de Desenvolvemento Asociativo de FEAFES Galicia. Ademais, a subdirectora xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social da Xunta de Galicia,Isabel Martínez Pellicer, realizou unha visita para coñecer en detalle esta iniciativa.
Posteriormente houbo unha parte dedicada á metodoloxía de traballo de Cruz Vermella enmarcada no seu programa específico de atención ás persoas sen fogar, “Sen Teito”, e outra que se centrou en pautas de actuación máis concretas e os recursos existentes en saúde mental, que impartiu FEAFES Galicia. Ademais, organizáronse grupos de traballo por ámbito xeográfico para definir protocolos de actuación.
Este encontro técnico forma parte do acordo de colaboración asinado este ano para realizar accións que melloren a calidade de vida de persoas sen fogar con enfermidades mentais. O obxectivo xeral é coordinar coñecementos, recursos e experiencias para unha mellor atención a un colectivo con grandes dificultades de integración.