Skip to main content
Novas

Feafes Galicia e a Deputación de Lugo asinan un convenio de colaboración

By 4 de Setembro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

Feafes Galicia e a Deputación de Lugo asinaron o 3 de setembro de 2012 un convenio de colaboración para mellorar a inserción laboral das persoas con enfermidade mental. En concreto, o devandito acordo permite sufragar os gastos de contratación dun prospector de emprego que traballará na delegación de Feafes na provincia lucense.

Esta axuda da Deputación encádrase dentro da Área de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade do organismo provincial, que outorga unha serie de subvencións a entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro para a execución de actividades e actuacións co obxectivo de promover e fomentar os servizos sociais, coa finalidade de garantir a inclusión social, a suficiencia dos recursos e unha mellor calidade de vida dos cidadáns de todos os sectores sociais e rangos de idade.

Por outro lado, en Feafes Galicia ofrecemos información, asesoramento e apoio á inserción laboral traballando como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia dende 2002. Para iso, contamos co Observatorio de Emprego para Persoas con Enfermidade Mental (OEDEM), que ten como misión facilitar a inserción laboral a través de accións de información, orientación, cursos de formación, prospección e intermediación laboral coas empresas e apoio para a consecución e o mantemento do posto de traballo.