Skip to main content
O pasado venres 2 de outubro, a concelleira-delegada da Área de Servizos Sociais do Concello de Santiago, Dona Mª José Corral López, e o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, asinaron a renovación do convenio de colaboración que se ven producindo entre as dúas entidades.
Tanto o Concello de Santiago como FEAFES Galicia coinciden na filosofía da diversidade, a igualdade social e a integración, tendo o propósito de traballar conxuntamente xa que a complexidade dos problemas sociais require a implicación de distintos colectivos no camiño cara a xustiza e a igualdade social.
O convenio asinado o 2 de outubro ten por obxecto establecer os termos da colaboración entre ámbalas dúas partes para o desenvolvemento do “Programa de Rehabilitación Psicosocial e Apoio para Persoas con Enfermidade Mental Crónica, Persoas sen Fogar ou en Grave Risco de Exclusión”.
Este programa trata de dar resposta á situación que atravesan as persoas con enfermidade mental e as súas familias en Santiago de Compostela atendendo ás necesidades específicas de cada quen e facilitando unha atención axeitada.  A atención baséase na intervención directa e na coordinación e derivación aos recursos específicos da comunidade para o tratamento destas patoloxías, coa fin de mellorar a atención á saúde mental destas persoas.
A través deste programa atenderase a persoas en situación de exclusión social grave ou severa con trastornos mentais, así como a calquera persoa con enfermidade mental ou familiar que demande información ou orientación, traballando de xeito coordinado entre administracións públicas e axentes sociais para mellorar o impacto sobre estas persoas, tornando máis eficaces as intervencións.