Feafes Galicia elaborou un ano máis a súa memoria de actividades, co obxecto de dar a coñecer o labor desempeñado ao longo do ano 2011 pola nosa federación, integrada por 14 asociacións, o que nos permite estar presente activamente en 30 localidades galegas e representar máis de 40.000 persoas, das que 5.000 son socias de Feafes Galicia.
Este documento reflicte o intenso traballo realizado durante o ano 2011 pola federación. Así, entre outros moitos datos, a memoria recolle que o servizo de información e atención sociofamiliar deu resposta a máis 3.600 chamadas á liña telefónica gratuíta, ademais de atender 460 consultas presenciais. Pola súa banda, a asesoría xurídica resolveu 175 consultas ao longo do ano.
Así mesmo, o servizo de emprego atendeu en 2011 a un total de 304 novos usuarios en toda Galicia, logrando 161 contratos laborais. Mentres, 500 persoas con enfermidade mental gozaron das nosas actividades de ocio e deporte, das que se viron beneficiadas indirectamente 875 familiares.
A memoria tamén recolle os servizos e recursos dos que dispoñen as asociacións de Feafes Galicia ao longo de todo o territorio autonómico: case 900 prazas en centros de rehabilitación psicolaboral, 180 en pisos e 40 en residencias. Ademais, no documento reflíctese os labores realizados en materia de comunicación e sensibilización.
A memoria de actividades completa pódese consultar na sección de Documentación desta páxina web, tanto en castelán como en galego.