A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES Galicia, imparte durante as vindeiras semanas un curso de atención a persoas con enfermidade mental tuteladas pola FUNGA.
Nos últimos anos, notouse un incremento no número de persoas con enfermidade mental que se atopan baixo os servizos tutelares da FUNGA. Estes individuos presentan diferentes diagnósticos que os dotan dunhas características particulares que deben ser tidas en conta á hora de traballar con eles. Por iso, os profesionais desta entidade precisan mellorar a súa formación para poder intervir dun modo eficaz e eficiente con estas persoas.
O obxectivo do curso levado a cabo por FEAFES Galicia é dotar ós profesionais da FUNGA de información acerca da enfermidade mental e o modelo de atención integral para este colectivo. Así, poderán adquirir ferramentas coas que afrontar correctamente o seu labor e mellorar a atención á enfermidade mental, ademáis de adquirir recursos específicos para traballar con este colectivo.
A formación terá lugar en nas instalacións da FUNGA en Santiago, situadas na Rúa Salgueiriños de Abaixo nº15B baixo, e se desenvolverá durante os días 19, 20, 26 e 27 de Novembro. Os alumnos dividiranse en dous grupos que recibirán, cada un deles, 10 horas de formación impartidas en dous días.
Neste curso participarán profesionais da FUNGA de todo o ámbito xeográfico galego que posúen diversos perfís como asesores xurídicos, traballadores sociais ou persoal administrativo.
As sesións, pola súa parte, estarán impartidas por profesionais do movemento asociativo FEAFES Galicia. Os días 19 e 20 de Novembro intervirá Montse García González, psicóloga clínica da asociación Alba de Pontevedra, e os días 26 e 27 de Novembro os relatores serán J. Luis Guisande Fernández, psicólogo clínico e Director da Residencia Fundación Lar de Vilagarcía, e Antonio Hernández Fernández, Director de FEAFES Galicia.