Skip to main content
Novas

Feafes Galicia imparte formación sobre saúde mental a profesionais que atenden a mozos en situación de desprotección

By 29 de Outubro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) impartirá formación sobre saúde mental aos profesionais da asociación Arela, que traballa atendendo a nenos e adolescentes en situación de desprotección ou conflito social.

Esta formación impartirase o mércores 30 de outubro en Ourense e o 6 de novembro en Vigo. Deste xeito, os educadores que traballan en casas de familia, centros de atención de día e centros de intervención educativa terán máis información sobre as diferentes doenzas mentais e terán unha pautas para detectar, previr e atender a estes rapaces.

O curso de Vigo será impartido polo psiquiatra José Mazaira Castro, da Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; e polo psicólogo clínico de Feafes Galicia Manuel Juncal, especialista en terapia familiar. Mañá mércores, a formación terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, no Campus As Lagoas.

O vindeiro 6 de novembro será na sede de Arela en Vigo, na rúa Ernesto Lecuona, 11, baixo. Cada obradoiro ten unha duración de 4,5 horas e contará con 25 alumnos, o que suma un total de 50 profesionais formados.

Nestas sesións, os participantes coñecerán cales son as principais patoloxías e cales son as súas causas e características, centrado nas particularidades específicas de nenos e adolescentes. Así mesmo, estudarán o tratamento psico-farmacolóxico e a rede de recursos e dispositivos de saúde mental do Servizo Galego de Saúde (Sergas).