Skip to main content
Novas

FEAFES Galicia imparte obradoiros a mulleres con enfermidade mental

By 20 de Novembro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES Galicia, imparte durante esta semana varios obradoiros dirixidos a mulleres con enfermidade mental. Cofinanciados polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, estes cursos intégranse dentro do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental que desenvolve FEAFES Galicia.

Segundo o censo de persoas con discapacidade, na nosa comunidade hai 40.600 persoas con certificado de minusvalía por enfermidades mentais, o que supón un 16% do total situándose como a segunda causa máis frecuente de discapacidade despois da discapacidade física.

As mulleres con trastorno mental grave sofren unha triple discriminación: o estigma asociado ó padecemento dunha enfermidade mental, o rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental e a discriminación provocada nesta sociedade polo feito de ser muller. É por iso que FEAFES Galicia busca apoiar os procesos de integración social destas mulleres, mellorar o seu benestar físico e aumentar o seu autoestima a través da participación activa na comunidade.

Os obradoiros que se impartirán esta semana no marco do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental pretenden mellorar as capacidades e habilidades deste colectivo, dotando a estas mulleres das ferramentas necesarias para facer fronte ó seu día a día dun xeito eficaz e contribuíndo así á mellora da súa calidade de vida. 

Trátase dun total de catro obradoiros que se desenvolverán ó longo do martes 19 e do venres 22 de Novembro na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela. Neles abordaranse temas como o autoestima e o autocoidado, a psicoeducación, a prevención dos malos tratos ou a afectividade e a sexualidade. 

A formación será impartida por Raquel León Lamela, licenciada en Psicoloxía e psicóloga de FEAFES Galicia, Rocío Núñez Rúa, educadora social de FEAFES Galicia, e Noa Tilve Cabada, licenciada en Psicoloxía e traballadora de Quérote+.

obradoiromulleres.JPG        obradoiromulleress.JPG