Skip to main content
Novas

Feafes Galicia imparte un novo curso de valoración da dependencia de persoas con enfermidade mental

By 23 de Outubro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

curso_valoracion_dependencia_oct.jpg

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) imparte entre o 23 e o 24 de outubro un curso de curso de valoración da dependencia de persoas con enfermidade mental dirixido aos profesionais dos equipos que fan ditas avaliacións.

Esta formación impartiuse xa en xuño a un grupo de 20 alumnos e volve repetirse ante o éxito de participación e a alta demanda por parte dos profesionais. Nesta nova edición, o curso instruirá a 21 persoas, entre médicos, psicólogos, traballadores sociais, terapeutas ocupacionais e un fisioterapeuta.

O obxectivo do taller é dotar os profesionais dos coñecemento necesarios para que poidan facer unha valoración da dependencia adaptada ás características específicas dos problemas de saúde mental do solicitante, así como facilitar a aplicación do baremo de valoración da dependencia de forma homoxénea e eficiente en todas as unidades de valoración de Galicia.

A formación terá lugar na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), situada no barrio de Fontiñas, en Santiago de Compostela. Comeza o  23 de outubro e continúa o xoves 24, en horario de mañá, cunha duración de nove horas.

A finalidade deste curso, impartido en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Social (Consellería de Traballo e Benestar), consiste en dotar os profesionais que traballan na valoración da dependencia, de coñecementos que lles permitan obxectivar, de xeito preciso, as diversas limitacións que unha persoa cun trastorno mental grave pode ter para un funcionamento autónomo. Neste sentido, é preciso que os profesionais coñezan as áreas de funcionamento afectadas no paciente a avaliar, así como coñecer técnicas específicas para levar a cabo o proceso de valoración.

O curso está impartido polo director de Feafes Galicia, Antonio Hernández Fernández; a coordinadora de Programas de Feafes Galicia, Diana Muñoz, o psicólogo e director da residencia da asociación Lar de Vilargarcía, José Luis Guisande Fernández; a psicóloga e directora da asociación Alba de Pontevedra, Montserrat García González; e a traballadora social da asociación Afaes Portanova de Ferrol, Rocío Galano Brage.