Dar a coñecer o movemento asociativo que existe en torno á defensa dos dereitos das persoas con enfermidade mental é un dos obxectivos que persegue FEAFES Galicia, e a posibilidade de falar sobre isto cos futuros profesionais da medicina é unha oportunidade que non queremos deixar escapar.
O próximo mércores 17 de decembro, a presidenta da asociación Fonte da Virxe, Mar Piñeiro, e a coordinadora de Servizos e Programas de FEAFES Galicia, Carina Fernández, acudirán ó aulario Novoa Santos do Hospital Clínico de Santiago para reunirse e conversar con alumnos de 4º grao de Medicina.
Trátase do terceiro ano que se produce este encontro entre a Facultade de Medicina e FEAFES Galicia, achegamento propiciado polo Dr. Raimundo Mateos, profesor de Psiquiatría na Universidade de Santiago. A través desta charla, o Doutor pretende que os alumnos coñezan os recursos e servizos que ofrecen as asociacións de axuda na atención á saúde mental, así como o traballo que realiza FEAFES Galicia.
A charla, que terá lugar ás 09:30 da mañá, durará preto dunha hora, e tras a exposición por parte das dúas convidadas de FEAFES Galicia haberá un tempo reservado para que os alumnos plantexen as súas dúbidas, inquedanzas e observacións. Búscase, deste xeito, que a intervención sexa bidireccional e participativa, para que os estudantes poidan sacarlle o maior partido posible e adquirir aqueles coñecementos que lles resulten de interese.