Skip to main content
Novas

Feafes Galicia inicia cursos de formación para 30 persoas con enfermidade mental en Lugo e A Coruña

By 9 de Novembro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

Un grupo de 30 demandantes de emprego da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) comezarán este luns clases de formación co obxectivo de integrarse no mundo laboral. Trátase de dous cursos, un de informática que se imparte na Coruña, e outro de limpeza de inmobles en Lugo. Estas actividades realízanse en colaboración coa Asociación para o Emprego e a Formación de Persoas con Discapacidade (FSC – Inserta), pertencente á Fundación ONCE.

En concreto, un grupo de 15 demandantes de emprego da Coruña recibirán clases de Windows, Word, Excel e Internet. O curso ten unha duración de 150 horas e impartirase entre o 11 de novembro e o 21 de  decembro, en horario de mañá na Academia Naranco da Coruña.

Por outra banda, 15 persoas con enfermidade mental de Lugo formaranse como expertos en limpeza de inmobles. Esta actividades tamén ten unha duración de 150 horas e impartase entre o 11 de novembro e o 21 de  decembro, en horario de mañá en Limpezas San Froilán, no Polígono do Ceao, onde ademais de recibir formación teórica realizarán prácticas non laborais en contextos reais de traballo.

O perfil de usuarios seleccionado para estes cursos son persoas con discapacidade por enfermidade mental, con motivación laboral, capacidade de aprendizaxe e habilidades sociais e laborais básicas.

O Observatorio de Emprego de Personas con Enfermidade Mental (OEDEM) de Feafes Galicia estuda as distintas variables que xeran a exclusión laboral das persoas con enfermidade mental. Da información rexistrada, pódese concluir que a formación en novas tecnologías e en limpeza son un dos intereses principais deste colectivo. De feito, Feafes Galicia vén celebrando estes cursos dende hai varios anos cun gran éxito.

O principal obxectivo de Feafes Galicia é mellorar a calidade de vida e o día a día das persoas con enfermidade mental, así como dos seus familiares e/o coidadores. Por iso, a Federación traballa para aumentar as posibilidades de inserción laboral, ofrecendo orientación, formación e intermediación coas empresas.