Skip to main content
Novas

Feafes Galicia inicia un proxecto para a inserción laboral de persoas con enfermidade mental

By 15 de Outubro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) inicia este luns un proxecto de apoio formativo para lograr a inserción laboral de 15 persoas con enfermidade mental.  Esta actividade está financiada pola Consellería de Traballo e Benestar  a través do Fondo Social Europeo, concretamente, a través do II Plan Galego de Inclusión Social da Secretaría Xeral de Política Social.

O obxectivo xeral do proxecto é facilitar a inserción laboral dos demandantes que participen no proxecto e, en consecuencia, mellorar a súa integración social. Ademais, búscase que o alumno coñeza as distintas fases do proceso de busca de emprego e adquira os coñecementos e habilidades necesarios para superalo exitosamente, así como, ofrecer apoio e asesoramento na súa incorporación ao mercado laboral.

Os beneficiarios son 15 persoas demandantes en busca de emprego con enfermidade mental, con escasa ou experiencia negativa en formación e cualificación académica e profesional recente, que tamén teña un escaso coñecemento das técnicas de busca de emprego. Ademáis, son persoas con dificultades de desenvolvemento nas entrevistas de selección, con ausencia ou escasa experiencia laboral e carencia de hábitos laborais básicos e dificultades nas habilidades sociais en ambiente formativo-laboral, o que dificulta o acceso e mantemento no posto de traballo.

O proxecto levarase a cabo no concello de Santiago de Compostela. A parte de formación teórica grupal (obradoiros formativos) terán lugar concretamente na aula de formación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), sita en Polígono das Fontiñas. A parte de apoio e asesoramento individualizado cara o emprego terá lugar nas oficinas de Feafes Galicia sitas na Rúa Galeras, 13, planta 4ª, oficinas 5 e 6.

Este luns, empeza a formación cun “Taller de motivación e técnicas de busca de emprego”, que se desenvolverá ata o día 29, en horario de mañá, sumando un total de 44 horas. Posteriormente, entre o 5 e 14 de novembro celebrarase o “Taller de habilidades sociolaborais”, de 32 horas, tamén en horario de mañá.