Skip to main content

“O Sombreiro de Merlín” é un programa de carácter literario e cultural no que se difunden diversas iniciativas e artes empregando como fío condutor o mundo da escrita. Na súa vontade por achegar ós espectadores realidades cotiás e sociais que nos rodean, a partir desta semana contará cun espazo mensual reservado para falar de saúde mental a través de tertulias con distintos profesionais e usuarios de FEAFES Galicia.

O programa emítese todos os sábados de 12:00 a 13:00 na emisora compostelá Radio Obradoiro, presentando diversos temas culturais no marco dun diálogo aberto. Este sábado 25 de outubro terá lugar a primeira intervención de FEAFES Galicia, que aproveitará para presentar a entidade e facer balance das actividades realizadas a propósito do Día Mundial da Saúde Mental, celebrado o pasado 10 de outubro.

De aí en adiante, “O Sombreiro de Merlín” dedicará un sábado de cada mes a un tema relacionado coa saúde mental: emprego, mulleres, familias, comunicación, ocio, etc. En cada un destes programas intervirán un profesional e un usuario de FEAFES Galicia que achegarán, a través da tertulia, información sobre esta realidade que poida resultar de interese para os oíntes.

“O Sombreiro de Merlín” está conducido por Alicia López, licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, directora e docente de diversos cursos relacionados con escritura e creación literaria, e coordinadora de varios clubs de lectura. Ademais da súa paixón pola literatura e as artes, Alicia ten una gran inquedanza social e moitas ganas de dar a coñecer á cidadanía o traballo que realizan entidades sen ánimo de lucro como FEAFES Galicia, Panxea Comercio Xusto ou Médicos Sen Fronteiras.

sombreiro de merlin.jpg