Durante o 2014, FEAFES Galicia está a levar a cabo unha serie de actuacións no marco do “Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental” subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar no marco do Plan Galego de Inclusión Social, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo FEDER/FSE de Galicia 2007-2013.
Este proxecto responde á necesidade de actuar contra a vulnerabilidade, as barreiras e o illamento social que sofren as persoas con enfermidade mental, situacións que fan deste colectivo un grupo especialmente indefenso e desprotexido. FEAFES Galicia considera que é necesario levar a cabo estratexias de protección que favorezan unha vida digna para estas persoas no seo da comunidade do xeito o máis autónomo e participativo posible.
O Proxecto de Inclusión Social trata de dar resposta á situación que atravesa este colectivo en Galicia, atendendo ás súas necesidades e demandas e facilitando o apoio e acompañamento social preciso para unha correcta inclusión e reinserción sociolaboral. Neste senso, o programa centrarase en dúas actuacións concretas:
Proxecto de desenvolvemento de habilidades sociais e prelaborais para persoas con enfermidade mental:
Consiste en poñer en marcha un sistema de intervención baseado no asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con enfermidade mental que sexan demandantes de emprego e estean en situación especial de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Este programa, do que se beneficiarán un total de 24 persoas, pretende favorecer a integración sociolaboral destes individuos mediante o deseño de itinerarios individualizados para cada un deles.
Proxecto de apoio e acompañamento social para persoas sen fogar con enfermidade mental:
Trátase de levar a cabo un sistema de intervención baseado na información, acompañamento e orientación sociocomunitaria de persoas con enfermidades mentais e sen teito que estean en situación de especial vulnerabilidade ou risco social. O obxectivo deste programa, do que se beneficiarán un total de 10 persoas, é favorecer a súa calidade de vida e progresiva integración social a través de itinerarios personalizados.