A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) está a levar estos día a campaña Mentalízate aos centros educativos de Ourense. Esta iniciativa ten como obxectivo informar e sensibilizar a adolescentes e mozos sobre a saúde mental.
Ademais de concienciar, a iniciativa procura que os rapaces coñezan a relación entre conductas de risco e enfermidades mentais e melloren a súa actitude cara as persoas con estas doenzas e cara os seus familiares e achegados.
Así, representantes de Feafes Galicia na delegación de Ourense están o mércores 23 de maio no instituto Portovello. Participan na actividade os alumnos do Ciclo Superior de Integración Social e os do Ciclo Medio de Atención Sociosanitaria. Ademáis, aprovéitase a visita para dar a coñecer as tarefas de orientación e prospección laboral que realiza Feafes Galicia. O día 25 de maio a charla realízase no colexio Salesianos, dirixida a alumnos de 1º de Bacharelato.
A través desta campaña estanse a realizar actividades tamén en institutos de Santiago, A Coruña e Lugo. Por outra banda, varias asociacións integradas na federación tamén imparten charlas noutros centros educativos da comunidade autónoma. Así, Lenda traballa en Redondela e Vigo, Lar en Vilagarcía de Arousa, A Mariña en Burela, Portanova en Ferrol e Narón e Doa en Vigo.
As charlas nos institutos realizaranse durante o curso escolar, ata finais do mes de xuño. As ponencias son impartidas por traballadores da federación e das asociacións e nelas entregarase aos alumnos materiais da campaña, como marcapáxinas, postais ou carteis.
Esta campaña dirixida aos mozos ten como obxectivo promocionar a saúde mental a través do fomento de hábitos e estilos de vida saudables e a prevención da enfermidade mental centrada en concienciar aos mozos sobre o risco do consumo de tóxicos (especialmente alcohol e cannabis).