Skip to main content

Incorpora Galicia é un Programa de integración laboral de colectivos en risco de exclusión social financiado pola Obra Social “la Caixa” do que forman parte sete entidades sociais galegas. A través de Incorpora, as entidades forman ás persoas a partir das necesidades das empresas e capacitan ós profesionais á medida dos seus empregadores

FEAFES Galicia forma parte do grupo Incorpora da nosa comunidade, realizando deste xeito accións para favorecer a inserción laboral das persoas con enfermidade mental. A vía de traballo que se fomenta a través deste programa é a oferta de prácticas non laborais ás empresas para que poidan coñecer a un candidato interesado, coas capacidades e habilidades requiridas pola empresa e formado para ese posto concreto. Deste xeito, as posibilidades de contratación posterior son maiores.

Nos seis meses que levamos de ano, FEAFES Galicia xa logrou acadar varios dos obxectivos anuais establecidos no programa Incorpora, atendendo xa ó 100% de persoas estimadas para todo o 2014 (210 usuarios).

Neste primeiro semestre do 2014, a Federación visitou un total de 86 empresas, das cales 48 non foran contactadas en anos anteriores. De entre elas, lográronse establecer 4 convenios de colaboración dos que xurdiron 9 insercións laborais, un 80% máis das que FEAFES Galicia se propuxera lograr ó longo de todo o ano.

En total, incluíndo tamén as insercións laborais acadadas en empresas sen convenio, nestes 6 primeiros meses do ano FEAFES Galicia logrou insertar no mundo laboral a 30 demandantes de emprego con enfermidade mental, un 75% do obxectivo anual. Isto supón un 15% de insercións laborais con respecto ó total de usuarios atendidos dentro do programa Incorpora, porcentaxe moi superior ó número de persoas con enfermidade mental que teñen emprego na nosa sociedade (menos do 5% do colectivo).

Ademais, este ano FEAFES Galicia se propuxera potenciar a prospección laboral na gran empresa para mellorar os resultados de inserción nese mercado. Entre xaneiro e xuño, a entidade visitou un total de 5 grandes empresas.

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, aposta firmemente pola integración das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade. Grazas á bolsa de emprego da entidade, no 2013 realizáronse 196 contratos de traballo ós que accederon 142 usuarios, un 6% do total de 2.287 persoas beneficiarias do servizo.  

balance incorpora junio.JPG