Skip to main content
Novas

Feafes Galicia manifesta o seu rexeitamento á reforma do Código Penal

By 28 de Outubro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

Ante o Proxecto de Lei Orgánica pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995 do Código Penal, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) desexa comunicar o seguinte:

Feafes Galicia, xunto con todas as asociación que integran a Confederación Feafes a nivel estatal, considera que a proposta de reforma do Código Penal que se vai debater proximamente no Congreso dos Deputados supón un ataque frontal aos dereitos e a imaxe social das persoas con trastorno mental. En dous sentidos:

– Abre a posibilidade de que unha persoa poida ser internada nun centro psiquiátrico como medida de seguridade permanente a través da figura das condenas revisables.

– Relaciona a enfermidade mental co concepto subxectivo de “perigosidade”. Para Feafes Galicia, medidas como esta axudan a manter os prexuízos existentes e dificultan a integración social deste colectivo.

A prórroga da medida de seguridade permitiría privar de liberdade a un cidadán pola mera suposición dun delito que poida cometer debido ao seu diagnóstico, algo que a xuízo de Feafes Galicia é claramente anticonstitucional.

Dende Feafes Galicia estamos convencidos de que é a falta de recursos sanitarios e sociais o que provoca que, nalgunhas ocasións, haxa persoas con enfermidade mental que acaban cometendo actos dos que non son conscientes debido ao seu trastorno.

A prioridade de Feafes Galicia é a posta en marcha urxente de medidas alternativas que melloren a atención en saúde mental e eviten que as persoas con enfermidade mental entren nos Hospitais Psiquiátricos Penitenciarios.

A Confederación Feafes xunto co CERMI trasladou ao Goberno a súa oposición á reforma en relación ao colectivo das persoas con trastorno mental. As principais emendas concretas á Lei presentadas por Feafes son:

– Retirada do termo “perigosidade” asociado ao trastorno mental.
– Feafes ademais reclama que un internamento, como medida de seguridade, nunca poida ser permanentemente prorrogable.
– Feafes propón como medida de liberdade vixiada o tratamento asertivo comunitario en lugar do tratamento ambulatorio involuntario.

En caso de que o Goberno non rectifique, a Confederación Feafes manterá as protestas públicas xunto a todos os colectivos que se opoñen a esta reforma. Ademais resérvase a posibilidade de iniciar accións legais ante os aspectos inconstitucionais ou contrarios á Convención ONU sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade que puidese ter o futuro Código Penal.