Skip to main content
O pasado domingo 25 de setembro, 120 persoas déronse cita nas instalacións deportivas de Madrid Río na cidade de Madrid para disputar un torneo nacional de fútbol 7 en favor da saúde mental.
Tras o éxito da pasada edición, a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA volveu a poñer en marcha #Desmárcate, no que participaron voluntarios de Telefónica e En Acción Bankia así como o C.F. Madrid Río xunto a persoas con trastorno mental de cinco federacións membro da Confederación, entre elas FEAFES Galicia.
Con esta iniciativa pretendeuse achegar a realidade dos problemas de saúde mental ao resto da sociedade, neste caso, a través dunha actividade deportiva que ademais fomenta o traballo en equipo, o compañeirismo e os hábitos de vida saudables. 
Conscientes de que o deporte é fundamental para a nosa saúde física e mental, con #Desmárcate a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA busca fomentar o deporte como ferramenta de inclusión e recuperación entre as persoas con trastorno mental, facilitando un punto de encontro nunha contorna normalizada e impulsando o voluntariado para visibilizar a importancia da saúde mental. 
Ademais dos membros de FEAFES Galicia, nesta ocasión participaron no torneo as federacións Salut Mental Comunitat Valenciana, FEAFES Andalucía, FEAFES Castela A Mancha e FEAFES Salud Mental Región de Murcia. 
“Veño moi ilusionado porque me gusta o fútbol e facer deporte axúdame moito, teño a cabeza máis despexada e reláxame” explica Pablo, xogador de FEAFES Galicia. Para el, facer deporte é “unha actividade que nos beneficia física e mentalmente e onde gozamos moito. Xogar cos voluntarios é interesante porque así ven que non somos unha especie rara nin moito menos, que somos persoas normais”.

Gañadores de #Desmárcate 2016

Na primeira fase do torneo, ademais do equipo galego, xogaron tres equipos de voluntarios/as e outros catro formados por persoas con problemas de saúde mental, disputando diferentes partidos entre si. Na segunda fase, con todo, mesturáronse todos os participantes para formar equipos mixtos, “desmarcándose” pola saúde mental.
Esta iniciativa nace da necesidade de visibilizar os problemas de saúde mental e a realidade das persoas afectadas e os seus familiares. Por tanto, os únicos gañadores desta iniciativa foron o compañeirismo, a solidariedade e a inclusión.