Skip to main content
Do 7 ao 9 de abril, a Facultade de Ciencias da Educación da USC acolleu o  IV Congreso Internacional Fenda Dixital, un espazo de encontro para debater sobre o estado actual das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos diferentes contextos educativos. Neste congreso, analizáronse as posibilidades que poden ofrecer as TIC para contribuír ao desenvolvemento de procesos de inclusión educativa, á abordaxe das necesidades educativas especiais e a facilitar ou promover a igualdade.
FEAFES Galicia foi convidada a participar neste foro para falar da utilización das novas tecnoloxías nos procesos de inclusión das persoas con diversidade. Nunha mesa redonda que levaba por nome “Boas prácticas, rompendo a fenda dixital dende a educación social”, a orientadora laboral de FEAFES Galicia, Rocío Núñez, falou do traballo que realiza a entidade e presentou o proxecto EcaTIC impulsado pola Fundación ONCE.
EcaTIC é unha aplicación informática que permite que os orientadores poidan dar apoio aos usuarios en proceso de inserción laboral dun xeito non presencial. Isto axuda, por unha banda, a normalizar o día a día dos usuarios de FEAFES Galicia nos seus postos de traballo, xa que non é necesaria a presenza física do preparador laboral. Por outra banda, EcaTIC permite superar as dificultades que se atopan os preparadores laborais para traballar con persoas do rural, unha situación moi habitual en Galicia debido á súa dispersión xeográfica. 
Rocío Núñez explicou tamén as vantaxes do Emprego con Apoio como modelo para traballar na inserción laboral de persoas con enfermidade mental, incidindo na necesidade de elaborar plans de actuación personalizados para cada usuario, involucralos no seu propio proceso de inserción e acompañalos durante o proceso de adaptación e mantemento do posto de traballo.