Skip to main content

Os días 8 e 9 de abril, a alameda de Ourense acolleu o XII Paseo pola Saúde, unha feira organizada anualmente polo Concello de Ourense para conmemorar o Día Mundial da Saúde. A través desta iniciativa, unha serie de colectivos profesionais e asociacións de pacientes tiveron a oportunidade de explicar á poboación a súa función dentro da sociedade.

O lema elixido para este ano foi “A inocuidade dos alimentos, unha importante cuestión de saúde”, arredor do cal desenvolvéronse unha serie de actividades e accións de sensibilización. Neste senso, difundíronse unha serie de claves para evitar a insalubridade dos alimentos e promover hábitos saudables, favorecendo así unha sociedade máis sa e concienciada.

Ó longo dos dous días que durou o Paseo pola Saúde, unha trintena de entidades do ámbito da saúde e colexios profesionais divulgaron o labor que desenvolven na cidade. Unha delas foi FEAFES Galicia, que contou cun stand informativo para dar a coñecer a súa actividade e os servizos que ofrece coa fin de mellorar a vida das persoas con enfermidade mental. 

As persoas que visitaron a feira tiveron a ocasión de coñecer os servizos que prestan todas as entidades participantes, así como as campañas de información e sensibilización que están a desenvolver na actualidade. Os visitantes tamén puideron realizar rexistros sanitarios gratuítos, probas de tensión arterial, glicosa, tensión ocular ou latexo fetal.

Paseo pola saúde (3).jpg