Skip to main content

O Nadal está a chegar a todos os recunchos de Galicia, e con el os tradicionais mercadiños navideños nos que diversas tendas e entidades amosan os seus produtos e os poñen á venda. As asociacións de FEAFES Galicia non podían quedar fora destas celebracións, e moitas delas  despregarán a súa artesanía nas feiras que terán lugar na nosa xeografía ó longo destes días.

En Santiago de Compostela, a asociación Fonte da Virxe ven de inaugurar unha exposición cos seus produtos artesanais na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural), que estará aberta ó público os días previos ó Nadal. Ademais, a asociación compostelana participará tamén no Mercado da Chuvia (Área Central) o 13 e 14 de decembro e no Mercado da Estrela (Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo do Pobo Galego e Cantina Gourmet) o 20 e 21 do mesmo mes. 

Será en Ordes onde a asociación Andaina amose o seu traballo. Do 19 ó 27 de decembro, en horario de 15h a 21h, celebrarase a VIII Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes que terá lugar na Biblioteca Municipal de Cerceda. Entre as entidades participantes atópase a asociación local de saúde mental, que dará a coñecer a súa labor e difundirá o seu traballo entre a veciñanza.

En Lugo, pola súa banda, a asociación Alume ten unha cita no mercadiño Diversiarte (Praza Ángel Fernández Gómez) os días 16, 17 e 18 de decembro. Trátase dunha feira de artesanía na que se comercializan produtos de 22 asociacións que traballan no campo da discapacidade. Nela haberá postos de venta, stands informativos e unha ximkhana de obstáculos onde a xente poderá vivir en primeira persoa como é ter unha discapacidade. 

Por outra banda, a Feira de Artesanía de Redondela reunirá nesta localidade unha ampla mostra de produtos elaborados a man. A asociación Lenda non quedará sen participar neste encontro, no cal contará cun stand que incluirá produtos elaborados no seu Centro Ocupacional. Dende Lenda convídannos a pasar por Redondela para coñecer o seu traballo e facer algunhas compriñas de Nadal!

A Coruña e a asociación Apem tamén visten de Nadal a súa artesanía. Do 4 ó 8 de decembro estiveron na exposición “Máis que capaces” (ExpoCoruña) amosando os traballos realizados nos talleres ocupacionais dos distintos centros da asociación. Por outra banda, o domingo 7 de decembro Apem participou na Feira da Reciclaxe que tivo lugar en Betanzos, colocando un posto para darse a coñecer e visibilizar a labor que realiza a asociación na localidade.

En Vigo, a asociación Avelaíña participa no Mercado Solidario con outras seis asociacións de discapacidade física, intelectual, enfermidade mental e dano cerebral. O mercado terá lugar no Centro Comercial Praza Elíptica dende mediados de decembro ata o día de Reis, e nel venderanse conxuntamente produtos elaborados polos usuarios das asociacións participantes.

Por outra banda, a mariña lucense tamén celebra o Nadal a través de feiras e mercados. En Ribadeo, a asociación A Mariña montou unha caseta do 5 ó 8 de decembro  onde realizou un obradoiro de manualidades creativas de Nadal, todo un éxito! E por se fose pouco, a mesma asociación participará o 21 de decembro no Mercadillo da ACIA Burela e o 31 de decembro na carreira silvestre de San Ciprián, ambos lugares nos que contará cun posto de artesanía.

Con tanta feira non hai escusa para non achegarse á artesanía das asociacións de FEAFES Galicia… escolle a que che quede máis preto e coñece o noso traballo!

mercadiños nadal (1).JPG

mercadiños nadal.jpg