No seu afán por contribuír a que toda a sociedade poida gozar da maxia do baloncesto de primeiro nivel, Obra Social “la Caixa” puxo en marcha unha iniciativa á que o Obradoiro CAB non dubidou en unirse.
Ao longo dos vindeiros meses, o club compostelán porá a súa Grada Social a disposición de distintas entidades galegas do Terceiro Sector, coa fin de que diversos colectivos poidan acceder aos encontros que se disputarán durante esta tempada no Multiusos Fontes do Sar.
Nesta ocasión, entre os afortunados estivo un grupo de 11 usuarios de FEAFES Galicia e a súa asociación Fonte da Virxe, que acudiron o pasado sábado 21 de xaneiro ao complexo deportivo para presenciar o encontro entre o Rio Natura Monbus Obradoiro e o Iberostar Tenerife.
Participar en actividades coma esta permite que este colectivo poida mellorar a súa calidade de vida rompendo coa rutina diaria, familiarizándose co deporte e socializando con outros compañeiros. Por iso, FEAFES Galicia agradece a colaboración de Obra Social “la Caixa” e do Obradoiro CAB por axudar a favorecer o ocio normalizado das persoas con problemas de saúde mental.