A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a través do Programa Voluntariado Dixital, acaba de lanzar a liña estratéxica de traballo de “Tecnoloxía para a Inclusión Social”.
Esta liña de traballo ten como obxectivos unir a experiencia social do terceiro sector galego coa experiencia tecnolóxica das entidades, empresas e/ou asociacións do ámbito TIC da nosa comunidade, para aproveitar este potencial e orientalo de cara as persoas e grupos máis vulnerables, co fin de mellorar a súa calidade de vida, e resolver así determinadas necesidades sociais.
Co obxectivo de amosar diferentes boas prácticas relacionadas con esta materia, organízase o próximo 23 de novembro de 2012 a Xornada de Boas Prácticas en Tecnoloxía para a Inclusión Social. O encontro terá lugar a partir das 9.45 horas no Salón 2 da Cidade da Cultura, ata as 14.30 horas.
En nome de Feafes Galicia acudirá a dita xornada a Coordinadora de Programas, Diana Muñoz, quen participará na mesa redonda “A contribución tecnolóxica ao benestar social: debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades”.