O concello de Santiago de Compostela e varias entidades que traballan en pro da normalización e a integración social das persoas con discapacidade organizan o próximo 9 de xuño unha xornada lúdica coa finalidade de promover a normalización da discapacidade na sociedade, garantir a igualdade de oportunidades e lograr a súa participación na sociedade.
Nesta xornada, todos e todas (mozos, maiores, profesionais, voluntarios, usuarios, etc.) poderemos gozar de diferentes actividades, participando conxuntamente. Realizaranse competicións deportivas e talleres, así como exhibicións e actuacións. Así mesmo, preténdese que sexa unha xornada de portas abertas coa intención de promover a participación de toda a cidadanía nas actividades.
Por un lado, levaranse a cabo partidos de fútbol e baloncesto e diferentes talleres de manualidades e expresión artística, nos que se poderá participar libremente. Ademais, haberá actuacións e exhibicións de diversa índole.
A inscrición a esta Xornada é totalmente gratuíta, incluíndo a comida. As persoas que estean interesadas en participar, pódense apuntar en Feafes Galicia, chamando o 981 554 395. A data límite é o mércores 16 de maio ata as 18 horas.